Informe sobre o cambio do nome do concello da Ribeira de Piquín

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu mudar a denominación do concello de Ribeira de Piquín, ata agora vixente, que pasará a denominarse A Ribeira de Piquín na nova versión do Nomenclátor de Galicia. A investigación sobre este topónimo abriuse de oficio tras comprobar os membros do Seminario o uso da forma con artigo entre a poboación local.

A Ribeira de Piquín é un concello relativamente recente: constituíuse o 6 de maio de 1933 tras segregarse as parroquias de Santalla, Navallos e San Xurxo de Piquín do municipio ao que ata entón pertencían, Meira. A elas xuntaríanse máis adiante as outras dúas freguesías que forman o concello, Os Vaos (pertencente á Fonsagrada) e Santiago de Acevo. 

O nome con que naceu o concello tomouse dunha demarcación xeográfica tradicional. A Ribeira de Piquín servía para denominar a parte das Terras de Burón que quedaba nas marxes do río Eo. Con ese significado aparece nunha das poucas atestacións que temos do topónimo na documentación antiga, o tomo XVIII da obra España Sagrada. Theatro geográfico histórico de la Iglesia de España, titulado De las iglesias Britoniense y dumiense incluidas en el actual de Mondoñedo, escrito por frai Henrique Flórez e publicado en 1764. Nel menciónase “la Ribera de Piquín”, con artigo castelanizado, na descrición da parte occidental do curso do río Eo. 

España sagrada

España Sagrada. Theatro geográfico histórico de la Iglesia de España, titulado De las iglesias Britoniense y dumiense incluidas en el actual de Mondoñedo

É ben revelador para repoñerlle o artigo a este topónimo o acordo do Concello de Meira en que se aproba o nacemento do novo municipio e a súa denominación oficial. Na exposición dos motivos que levaron a solicitar a segregación das tres parroquias e a constitución dunha nova entidade, as persoas propoñentes alegaron que o concello de Meira estaba formado por dúas “comarcas esencialmente diferentes” entre as que mediaba a serra de Meira, unha barreira natural “sin vías que pongan en comunicación a la Ribeira de Piquín” coa capital municipal.  

BOP

Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 30 de maio de 1933

Máis importante é o punto c) do texto, que se pode consultar no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 30 de maio de 1933: nel afírmase “que el nuevo Ayuntamiento se denominará De la Ribera de Piquín”, denominación que inclúeo artigo. 

BOP

Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 30 de maio de 1933

Xa que logo, o artigo que agora se restaura estivo presente desde o momento da creación deste concello, A Ribeira de Piquín. Descoñecemos o motivo que levou a que finalmente este non figurase na versión oficializada na Gaceta de Madrid do 9 de xullo de 1933, onde ademais aparece como Rivera de Piquín (sic).

Gaceta de Madrid

Gaceta de Madrid número 190 do 9 de xullo de 1933

A defensa da inclusión do artigo na denominación oficial do concello da Ribeira de Piquín vese apoiada polo uso na oralidade da veciñanza deste municipio lucense, que se constatou en múltiples  conversas coa poboación local realizadas polo técnico de campo do Proxecto Toponimia de Galicia que recolleu a microtoponimia deste concello, quen salientou nos seus informes o uso xeneralizado do artigo nas aldeas en que realizou o traballo de campo. O uso oral fica tamén rexistrado nunha das coplas populares que compilou a musicóloga Dorothé Schubarth na súa basta obra Cancioneiro popular galego:

A Ribeira de Piquín,
ribeira de muita fame,
 o pouco leite que collen
derrámano con filame.

Con estas probas, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega tomou a decisión unánime de modificar a denominación oficial deste concello engadíndolle o artigo, A Ribeira de Piquín.

FONTES E BIBLIOGRAFÍA

Boletín Oficial da Provincia de Lugo número 123 do 30 de maio de 1933

Flórez, Henrique (1764). “De las iglesias Britoniense y dumiense incluidas en el actual de Mondoñedo”. España Sagrada. Theatro geográfico histórico de la Iglesia de España, XVIII.

Gaceta de Madrid número 190 do 9 de xullo de 1933.

Amor Meilán, M. (1928?). Geografía general del Reino de Galicia. Lugo. Barcelona: Alberto Martí.
 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…