Desde 2019, o concello do Grove acolle un foro que, segundo os organizadores, “formúlase como un espazo para o diálogo, a reflexión e a defensa da democracia liberal no marco Atlántico”. E non pode haber marco mellor no Atlántico que a illa na que ten lugar, oficialmente A Toxa.
Toxa non é un topónimo exclusivo desta parte da costa galega. O Nomenclátor de Galicia rexistra este nome con artigo nos concellos de Pontecesures, Santa Comba, Touro, Vimianzo e Zas; sen artigo aparece en Silleda, onde ademais nomea a un afluente do río Deza; e con sufixo diminutivo, A Toxiña, encontrámolo denominando unha pequena aldea no concello de Lalín.
Existen tres hipóteses principais que o definen como hidrónimo, como fitotopónimo e como antrotopónimo. Millán-González inclúeo dentro dos nomes de lugar descendentes dunha raíz indoeuropea TEKU, “corrente de auga, fluír”, e estaría emparentado con outros cursos fluviais como o Tea, Teo ou Te. En relación con esta hipótese, Bascuas asocia a súa procedencia cos lodos existentes nos arredores da illa. Para Nicandro Ares “parece un derivado de toxo (...) ou feminino do nome persoal Togius”. Navaza prescinde desta última hipótese antroponímica e, malia non poder “confirmar se son hidrónimos prelatinos ou fitónimos da familia do toxo”, relaciona os Toxa galegos co asturiano La Toya, propio dunha “área onde o toxo é toyu”.
Sexa cal for a orixe, o certo é que o que hoxe coñecemos como Illa da Toxa, non sempre recibiu este nome. A poboación da Arousa referíase a ela como a Illa do Louxo e así é como aparece no Dicionario xeográfico e estatístico de Madoz: “los naturales del pais llaman á la primeira simplemente Toja (sic) - hoxe Toxa Pequena - y á la segunda Loujo (sic), en la cual brotan aguas medicinales”. A cartografía antiga, nomeadamente a do século XVIII confirma este feito (véxase a imaxe que ilustra este artigo).
Non sabemos, porén, o porqué do cambio toponímico da illa do Louxo, que se debeu producir nalgún momento do século XIX. De feito, no primeiro estudo (1841) sobre as propiedades medicinais das augas termais que se atoparon na illa anos antes -no punto coñecido como "Porca Morta"-, xa se menciona como “Louxo ou Toxa Grande” e tómase como referencia da denominación “Toxa Grande” un plano da ría de Arousa de 1833 realizado polo capitán de fragata Ignacio Fernández Flórez (imaxe ao pé): “los naturales de Cambados llaman a esta última Loujo ou Louja”. É posible que este mapa, pois, influíse nesta mudanza denominativa e que o posterior establecemento do balneario axudase na expansión do nome. Porén, aínda hoxe mantense vivo o uso do topónimo antigo nas formas Enseada do Louxo e Praia do Louxo.
Á diferenza da Toxa, Louxo si é un topónimo único en toda Galicia e, por tanto, pouco transparente en canto á súa orixe. No monográfico Porca Morta. Historia dunha illa, recóllese a teoría de Francisco Otero Goday que especulou sobre a relación da illa do Louxo cuns peixes semellantes ás raias que recibían o nome de ouxos e que abundaban na zona. Segundo esta versión, dun primeiro Illa dos Ouxos, pronunciado “Illa do-louxos” pasaríase á Illa do Louxo, mais semella unha etimoloxía un pouco arriscada desde o punto de vista filolóxico.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…