O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas, vixente ata a actualidade, que pasará a denominarse O Castro de Caldelas na próxima edición do Nomenclátor de Galicia. Fíxoo de oficio tras detectar diverxencias nas fontes antigas e tamén ao contrastar que a capital municipal figuraba no Nomenclátor vixente como O Castro, con artigo, uso común na oralidade entre a veciñanza da contorna.
Nas fontes documentais que se consultaron existe disparidade de usos, pero é maioritaria a forma O Castro de Caldelas nos textos antigos. Así, nun testamento datado o 14 de maio de 1376, Johan Martines deixa o seu “seelo de prata a Santa Maria do Castro de Caldellas”. Noutro documento datado en 1408, o abade do mosteiro de Montederramo afora un souto a Joan dos Novás, zapateiro, morador “enel Castro de Caldelas”.

Foro outorgado por Gonzalo, abade do mosteiro de Montederramo, a Xoán dos Novás, zapateiro, morador en "El Castro de Caldelas", e á súa muller, Tareixa Eanes, do souto do Lombo e as casas e herdades que tiñan no couto de Chandrexa, por tres cuarteiros de castañas secas. Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Fonte: Galiciana
A forma con artigo e unida con preposición tamén aparece en múltiples textos en castelán do séculos seguintes. Citaremos só un par de exemplos dos moitos que se poden comprobar en arquivos dixitais como Galiciana ou Pares: nun documento de 1528, recóllese unha venda outorgada por Juan da Rasa a Afonso Trabajo, veciño “dla villa dl Castro de Caldelas”.

Venda outorgada por Xoán da Rasa, o Vello, veciño do lugar de Rasa, a Afonso Trabajo, veciño da vila do Castro de Caldelas, do lugar de "Vilagoyo" e da cabana de Camba, por catro ducados ou mil cincocentos pares de brancas. Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Fonte: Galiciana
Unha forma idéntica, “el Castro de Caldelas”, atéstase noutro texto de 1594:

Rexistro de escrituras (1594). Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Fonte: PARES
Entre os testemuños históricos, cómpre salientar pola súa importancia documental o Catastro de Ensenada, o minucioso censo realizado a mediados do século XVIII por orde do marqués de la Ensenada co fin de acometer unha reforma fiscal na coroa de Castela. Cada un dos documentos que se conservan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense relativos ao Castro de Caldelas (dispoñibles dixitalmente en Galiciana), tanto o Persoal de eclesiásticos, o Persoal de leigos, o Real de eclesiásticos ou o Real de leigos, inícianse coa mesma fórmula, “En la villa del Castro de Caldelas”.

Real de eclesiásticos da vila do Castro de Caldelas
O nome oficial do concello foi Castro Caldelas en todos os nomenclátores de poboación dende o século XIX, feito que contribuíu, sen dúbida, a fixar entre a poboación esta denominación. Porén, mantense viva na oralidade a forma O Castro para referirse á capital municipal e á parroquia. Valla como testemuño oral a cantiga recollida por Dorothé Schubarth no Castro de Caldelas:
“Si Piñeiro fora vila e San Martiño ciudá, ás rapaciñas do Castro pasáball'a vanidá.”
Tamén rexistramos o uso da forma O Castro de Caldelas en textos escritos galegos da Idade Moderna e Contemporánea, como se pode comprobar nunha busca no Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Cómpre destacar o uso reiterado da forma plena que fai o escritor Vicente Risco, vinculado con este concello ourensán. Especialmente salientable é o estudo “O Castro de Caldelas. Monografía xeográfica i-etnográfica d’unha vila da nosa terra”, Volume I dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
Tendo en conta estes testemuños e dado que no Nomenclátor de 2003 xa estaba ditaminado para o nome da vila O Castro de Caldelas, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou por coherencia cambiar tamén o nome da parroquia e do concello, aínda que para este último somos conscientes de que xa estaba asentada a forma Castro Caldelas.
FONTES E BIBLIOGRAFÍA
Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia. <https://arquivo.galiciana.gal/>
Pares, Portal de Archivos Españoles. <https://pares.cultura.gob.es/>
Risco, Vicente (1927). O Castro de Caldelas. Monografía xeográfica i-etnográfica d’unha vila da nosa terra. Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, pp. 53-86.
Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.gal/TILG/>
Schubarth, Dorothé e Santamarina Fernández, Antón (1988). Cancioneiro popular galego. Tomo IV, volume II. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou mudar as denominacións dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Mondariz-…