Informe sobre o cambio do nome do concello do Porto do Son

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu mudar o nome do concello de Porto do Son, vixente na actualidade, que pasará  a chamarse O Porto do Son, con artigo, na próxima edición do Nomenclátor de Galicia. O seminario iniciou un informe de oficio tras detectar o uso do artigo tanto nas fontes documentais coma nas fontes orais. 

O concello do Porto do Son foi creado en 1836 reunindo diferentes parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Noia, O Caramiñal e Rianxo. Resulta reveladora a denominación coa que aparece o municipio na relación dos partidos xudiciais creada ao abeiro do Decreto do 23 de xullo de 1835 para o arranxo provisional dos concellos do reino. A relación do partido xudicial de Noia, ao que pertence o concello do Porto do Son, publicouse o 22 de xuño de 1836 e nela figura, en castelán, como “Ayuntamiento del Puerto del Son”.

BOP 1836

Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 22 de xuño de 1836.

A pesar disto, o  nome do concello aparecerá sen artigo en todos os nomenclátores de poboación desde 1840 ata o actual vixente. Este feito non impediu que a Deputación da Coruña e o propio concello emitisen documentación en que figurase o nome con artigo en diferentes épocas:

Esta forma con artigo responde ao uso oral que debeu ter o topónimo no pasado e correspóndese coa documentación histórica que hai sobre el. Malia existiren poucos rexistros medievais do lugar do Porto do Son, o académico Gonzalo Navaza menciona na obra Os nomes dos concellos da provincia da Coruña o uso do topónimo con artigo en diferentes textos antigos: del puerto doçón en 1536; ou del puerto del Çon en 1544. A eles cómpre sumarmos un "do porto doçon" que atestamos nun documento do ano 1511 e que se conserva no Arquivo do Reino de Galicia:

1511

“do porto doçon” nun texto do ano 1511. Fonte: Galiciana

A forma con artigo castelanizada tamén aparece de xeito constante na documentación dos séculos seguintes. Véxase, por exemplo, unha executoria do preito litigado polo concello, a xustiza, veciños e os mareantes do Porto do Son coa xustiza, rexemento e veciños de Muros pola pesca da ría, datada no ano 1727. Nela cítase reiteradamente El Puerto del Son.

1727

“El Puerto del Son” nun documento de 1727. Fonte: PARES

É relevante tamén o rexistro de escrituras do ano 1793 do notario Francisco Antonio de Cernadas, veciño “del puerto del Son” tal como aparece na propia portada:

1797

Rexistro de escrituras do notario Francisco Antonio de Cernadas, do ano 1793. Fonte: PARES

Entre 1754 e 1755, o Padre Martín Sarmiento, figura clave da ilustración, realizou a súa terceira viaxe por Galicia. No seu caderno de viaxe anotou no luns 11 de novembro: “Salimos para el Puerto del Son, o Zon, y rodeé por Carreyra”

Viaxe a Galicia

Viaxe a Galicia de Fray Martín Sarmiento, 1754-1755

Entre os exemplos de documentos antigos en castelán que inclúen a forma con artigo, cómpre citar os numerosos casos atestados no Catastro de Ensenada, por exemplo a resposta á pregunta terceira do Libro de interrogatorio da parroquia de San Vicente de Noal, en que se describe o territorio da propia freguesía, “incluiendose en ella el Puerto del Son”.

Catastro de Ensenada

Respostas xerais do interrogatorio do Catastro de Ensenada, 1752. Fonte: Galiciana

A forma oficializada, sen artigo, contribuíu a que se fixase o topónimo entre a poboación e a que diminuíse o uso oral. Con todo, cómpre salientar que a técnica de campo do Proxecto Toponimia de Galicia , mentres realizaba  o traballo de recollida de microtoponimia deste concello, observou que moitos dos seus informantes O Porto do Son, feito do que informou á Comisión de Toponimia da Xunta. Esta información viuse referendada a través de diferentes conversas orais que os técnicos do Seminario de Onomástica mantiveron con persoas naturais deste concello coruñés, malia constatar que na actualidade o uso co artigo é cada vez máis  minoritario.  

Por todo o anterior, o Seminario de Onomástica decidiu de xeito unánime restituír o artigo inicial no nome oficial do concello do Porto do Son.

FONTES E BIBLIOGRAFÍA

Atopo, Catálogo documental e bibliográfico da Deputación de Pontevedra < https://atopo.depo.gal/>

Galiciana, Arquivo Dixital de Galicia <https://arquivo.galiciana.gal/>

Navaza, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. A Coruña: Real Academia Galega

Sarmiento, Martín (1950). Viaje a Galicia de Fray Martin Sarmiento (1754-1755).  Santiago de Compostela: Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos,

PARES, Portal de Archivos Españoles <http://pares.cultura.gob.es/inicio.html
 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…