Alá por 1745, o Padre Sarmiento na súa viaxe por Galicia quedou tan abraiado ao chegar a Carnota e divisar o monte Pindo que comentou: “hace a la vista una figura más hermosa que la montaña de Monserrate”, en referencia ao mítico monte catalán. Tal foi a súa fascinación que quixo recoller no seu diario “as mil e unha cousas” que os habitantes da zona dicían sobre o macizo carnotán, desde lendas sobre as propiedades das súas plantas a curacións da infertilidade. Todo isto acabará por influír na proposta etimolóxica que Sarmiento aventura sobre o topónimo: “le conviene admirablemente el nombre de Monte Pindo; y creo que será antiguo, y que se le habrá puesto a imitación del Pindo de la Grecia”.
Certo é que a cordilleira grega e o monte galego teñen semellanza fonética actual, mais as propostas que hoxe existen sobre a súa orixe afástanse da versión ofrecida polo ilustrado beneditino.
A hipótese que goza de maior aceptación é de Isidoro Millán. Ao tratar o topónimo de Cospindo no artigo "Toponimia de Ponteceso y de su municipio", cuxa orixe atribúe a unha raíz CORISPINNETUM, relaciona o segundo dos elementos “con lo que yo presumo origen etimológico del orónimo Pindo < PINNETUM, el monte peñascoso o penedoso’”. Este *PINNETUM trataríase, segundo o autor, dun derivado PINNA, 'pena, rocha', a través dun sufixo abundancial -ETUM, presente en innúmeras solucións do galego común e da toponimia: rochedo, Carballedo, Figueiredo... Esta etimoloxía sería apoiada posteriormente por Cabeza Quiles para quen o significado do topónimo Pindo sería 'monte penedoso ou abundante en pedra'.
Porén, Martínez Lema, na súa tese sobre a Toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos, discrepa desta orixe ao considerar excepcional a súa evolución fonética con “síncopa da vogal tónica -Ē- (*PĬNNĒTŬ > *Pinedo > *Pin'do > Pindo)”. Para o investigador, o topónimo O Pindo atoparía unha “unha explicación máis razoábel nunha fase orixinaria *PĪNĪTŬ”, isto é, un derivado do “fitónimo PĪNŬS (> med. pĩo) 'piñeiro'”.
Tanto Paulo Martínez Lema como Isidoro Millán discrepan pois da proposta do Padre Sarmiento; porén, sexa o lugar abundante en penedos ou en piñeiros non podemos discrepar do monxe beneditino respecto da fermosura deste olimpo celta.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…