“Galicia é o país dos dez mil ríos: uns grandes, outros medianos, outros pequenos, outros regatos que baixan desde os montes”, dixo unha vez Álvaro Cunqueiro e non lle faltaba razón. Non hai parroquia no país que non conte cun os varios cursos fluviais sucando e mesmo definindo a súa xeografía. Os ríos son de tal importancia que non son poucos os concellos e as parroquias galegas bautizadas coas augas que os regan. Mais non menos importantes son na nosa toponimia as construcións que serven para os cruzar: a ponte de Ponteareas é un exemplo.
Ponteareas é un topónimo aparentemente transparente, que calquera persoa leiga en onomástica pode chegar a esclarecer. Trátase dun composto formado por dous elementos, ponte e areas, substantivos moi comúns no galego actual. A única incógnita que pode presentar é saber a que se refire o segundo elemento da construción, areas. Esta podería quedar resolta ao comprobarmos a relación de parroquias deste concello pontevedrés: Areas é unha das freguesías que conectaba noutrora a ponte malia que hoxe os lindes parroquiais non coincidan. Este Areas fai referencia a un lugar abundante en area, neste caso, seguramente, producida polas enchentes do río Tea.
Ponteareas ou Ponte de Areas é o nome orixinario da ponte que cruza o río Tea nestas terras e que acabou por darlle nome a unha parroquia e a todo o concello. Porén, non é o único nome que tivo nin que ten e grazas a un artigo de Clodio González Pérez soubemos doutros. O máis recoñecible é A Ponte dos Remedios, cuxa orixe está nunha antiga capela con esta advocación, Os Remedios, sobre a que se erixiría a finais do século XX outra que aínda se conserva na actualidade. Esta denominación, A Ponte dos Remedios, acabou tamén por bautizar a entidade de poboación que se sitúa nas súas proximidades, tal e como recolle o Nomenclátor.
O terceiro dos nomes para esta ponte é outro haxiotopónimo, A Ponte de San Roque, topónimo que se debe a unha pequena ermida con peto esmoleiro con esta advocación que está situada xusto na entrada dunha das súas marxes. Ao seu redor medrou recentemente un barrio que é coñecido tamén por este nome, o barrio de San Roque.
Por último, o cuarto dos seus nomes comezou a se estender a mediados do século XIX: a poucos metros da capela dos Remedios construíuse unha nova ponte que hoxe soporta o tráfico rodado e forma parte do trazado da N-120 que comunica Ponteareas con Vigo e Ourense. Esta "ponte nova" fixo que a dos Remedios comezase a ser coñecida popularmente como A Ponte Vella.
A Ponte Vella, A Ponte de San Roque, A Ponte dos Remedios ou A Ponte de Areas, sexa cal sexa a forma que escoites, non deixes de visitala se estiveres en Ponteareas.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…