Os nomes da nosa terra: Baiona

Hai saberes que non están escritos en ningún libro, que se adquiren co decorrer do tempo e que se transmiten boca a boca, xeración tras xeración, século a século. A toponimia forma parte destes saberes que os habitantes dos territorios gardan como tesouros na súa memoria. Por sorte, hai persoas que se dedican a recoller eses saberes e transmitilos para que todos nós poidamos coñecer toda a riqueza cultural que atesoura Galicia.

Nun novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra”, Fran Cañotas visita Baiona para reunirse cunha desas persoas que se dedican a recuperar e transmitir todo este tesouro: Lois Vilar. Hai máis de 50 anos, acompañou unha tardiña ao seu avó a dar un paseo pola costa ata o Cabo Silleiro e este ensinoulle máis de 100 topónimos. Dende aquela, Lois Villar quedou prendado polos nomes da costa ata o punto de ter xa marcado un obxectivo para cando lle chegue a idade de se xubilar: percorrer toda a costa de Galicia para recoller toda a toponimia que poida. Con el e con Fran descubrimos  as “marcas de navegación”, unha das partes da talasonimia máis descoñecidas para o público en xeral e que serven para que os vellos mariñeiros se orientaran no mar.

Ademais de acompañar a Fran pola costa de Baiona, Oia e O Rosal, zona en que recolleu máis de 1.000 topónimos, Lois preséntaralle a Estrella, unha muller que desde ben nova traballou nun oficio hoxe en vías de extinción, o de argaceira; isto é, recoller argazo do mar para estercar a terra. Con ela coñeceremos o seu traballo e os nomes dos lugares da costa de Portecelo onde o realizaba: O Porto de Portecelo, As Laxes da Lúa, Os Seixos...

Para a xente do mar, ademais dun patrimonio cultural, a toponimia foi e é, como vemos, unha ferramenta de traballo de inmenso valor. Así o considera Albino, de profesión percebeiro. Da súa voz escoitaremos os nomes que comezou a aprender aló polo ano 1957 cando pedra a pedra se iniciou nese oficio de buscar un dos nosos manxares culinarios da nosa terra, o percebe: O Rapacarallo, A Bombardeira, A Polbeira, A Brava... 

Para rematar, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, achéganos información sobre a orixe e significado do topónimo Baiona, un nome con moito mundo que chegou a Galicia como calco do da localidade francesa de Bayonne.

 

Tamén che pode interesar...

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…