A toponimia dun lugar, ademais de describirnos a paisaxe, é quen de falarnos do vínculo que as persoas creamos co territorio. É habitual coñecer grandes espazos por un nome xeral, mais neste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra” veremos como a supervivencia do ser humano levou a pórlle un nome particular a cada recuncho da costa da Torre de Hércules, o chamado Mar do Orzán.
Nesta ocasión, Fran Cañotas reúnese a carón da Robaleira, na Punta Herminia, con Iván Méndez, técnico especialista en toponimia do Seminario do Onomástica da Real Academia Galega. Este explicaralle a importancia que teñen os talasónimos para a xente do mar e falaralle da antigüidade de todos estes nomes. Xabier Mariñas, percebeiro e patrón maior da Confraría da Coruña, vaille falar da historia do seu avó, Milucho Mariñas, un percebeiro cuxa vida estivo dedicada ao mar e que transmitiu ao seu neto a herdanza dos nomes da costa da Coruña. Esta admiración tamén é compartida por Xurxo Souto, un dos maiores divulgadores da cultura popular galega e tamén da nosa toponimia, con quen descubriremos moitos dos nomes que inzan unha das paisaxes máis fermosas da Coruña.
Como remate ao capítulo, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor científico desta serie documental, comenta a motivación dos nomes dunhas pedras do mar situadas fronte á Torre de Hércules e que toman como base léxica toda unha familia de bovinos: trátase dos illotes chamados O Boi, A Vaca, O Becerro e O Becerriño.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…