Osos, balnearios, Artai e moito máis é Arteixo

“Entre as brétemas do tempo”, hai unha figura que deita luz sobre a nosa orixe, pai “da raza máis pura das nosas montañas, a raza ártabra”. Esa figura da que falaba Benito Vicetto (1865) na súa Historia de Galicia era Artai, fillo do primeiro poboador galego, Brigo. Segundo a lenda de Vicetto, Artai veu fundar a súa casa polas terras de Arteixo que, ao cabo, sería unha derivación de Artai ou Artaigo.

A imaxinación de Vicetto para a toponimia non tiña límites, como tampouco o tiñan as hipóteses que recollera Uxío Carré Aldao na obra Geografía General del Reino de Galicia: para algúns, Arteixo sería unha palabra prelatina que significaría “quente”, en relación aos balnearios que existen na localidade; e para outros, estaría relacionado co éuscaro Artz, “oso”, que o ligaría coa parroquia de Oseira.

Osos, augas termais ou lugar de Artai fican lonxe das hipóteses máis recentes que desde a filoloxía se dan para a etimoloxía de Arteixo. Edelmiro Bascuas apuntou a unha raíz indoeuropea *Ar-, referida ás augas, cun significado equivalente a ‘un val regado por varios cursos fluviais”. Porén, a maioría de investigadores coincide na hipótese de que Arteixo é un topónimo de orixe prerromana, probablemente derivado dunha raíz *Art- co significado de ‘concavidade ou depresión’. Pertencería, polo tanto, á mesma familia léxica do substantivo común artesa, ‘arca de madeira para amasar o pan e gardalo despois nela’ e estaría relacionado con outros topónimos como Artes (Carballo).

Sexa como for, Arteixo é un topónimo único en toda a xeografía galega que só ten similitude na serra da Arteixiña, en Quiroga.

Tamén che pode interesar...

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…