Penaflor e Vilar de Flores: dous exemplos en Allariz de retoponimizacións eufemísticas

As mudanzas dos nomes de entidades de poboación é un feito que documentamos na nosa lingua desde tempos pretéritos pero tamén na actualidade. Hai uns anos, os concellos coruñeses de Oza dos Ríos e Cesuras fusionáronse dando lugar a un novo municipio e tamén a unha retoponimización: Oza Cesuras. Este cambio estivo motivado por un axuste xeográfico, pero as retoponimizacións responden a moitos motivos. Entre eles, o que máis cultivo tivo na nosa xeografía foi o eufemístico. Allariz conta con dúas entidades que viviron este proceso. Penaflor e Vilar de Flores.

Un cambio de topónimo por motivos eufemísticos dáse cando o nome dunha localidade é considerado pouco apropiado ou mesmo insultante para os seus poboadores. Este foi o caso da actual Penaflor, aldea da parroquia de Torneiros. Penaflor é o resultado da galeguización por parte da Comisión de Toponimia nos anos oitenta do anterior Peñaflor, un topónimo cuxas primeiras concorrencias documentais son do século XIX: así aparece incluído no Nomenclátor de 1865 como lugar integrante da parroquia de Torneiros formado por 30 edificacións. Porén, non hai rastro del no Dicionario xeográfico e estatístico de Pascual Madoz, que é dunha década anterior: non ten entrada propia no dicionario e tampouco aparece incluído como lugar da súa parroquia. O motivo é que este lugar de Peñaflor denominábase en 1850 Cabrón, nome si recollido por Madoz.

Malia desaparecer de xeito oficial o nome de Cabrón substituído polo de Penaflor, aínda permanece na oralidade, pois as persoas de máis idade da contorna lembran o nome polo que era coñecido, tal e como sinalou Gonzalo Navaza na obra Fitotoponimia galega. Ademais, en diferentes mapas sinálase co nome do Coto Cabrón o monte que está situado ao carón do lugar de Penaflor

Se neste caso está claro que a substitución do nome orixinal foi por motivos eufemísticos, non sabemos cal foi a orixe do topónimo Cabrón. Nos diferentes repertorios onomásticos medievais recóllese o nome persoal de orixe latina CAPRONIUS, mais tamén pode ser un zootopónimo sen máis e mesmo un sobrenome dalgún dos seus poboadores. Os testemuños máis antigos non nos resolven a dúbida: “in loco qui dicitur Larea de Caprone” (1238) ou “ipsam predictam leiram de Cabrones”(1257).

A outra retoponimización documentada en Allariz está na parroquia dos Espiñeiros e ten como protagonista, esta si, un zootopónimo reconvertido en fitotopónimo. Como salienta o membro do Seminario de Onomástica Antonio Palacio no seu artigo “Malos, Perros e Cas, topónimos interditos”, o porco é animal considerado impuro por xudeus, musulmáns e cristiáns, polo que moitos dos topónimos que incluían este substantivo na súa forma sufriron unha mudanza denominativa por motivos eufemísticos. 

Así, o lugar de Vilar de Porcos, documentado como “Uilar de Porcos” en 1302 ou “Sancti Vereximi de Vilar de Porcos” nun documento de 1320, pasou a se denominar Vilar de Flores, nome co que coñecemos na actualidade esta localidade de Allariz e cuxa retoponimización debeu ser anterior á de Cabrón, pois xa estaba plenamente operativa no século XVIII como podemos comprobar no Catastro da Ensenada. O substantivo porcos do topónimo é posible que non fixese referencia ao animal impuro senón ao porco bravo, pero tampouco se descarta a referencia aos hábitos dos seus habitantes. 

Dáse a coincidencia de que, en Portugal, tamén existiu no concello de Vila do Conde un Vilar de Porcos, retoponimizado tamén nun fitotopónimo, pois hoxe é Vilar de Pinheiros.

 
Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…