As posibles orixes dun topónimo enigmático, Soesto

Os avances que viviu a investigación toponímica nas últimas décadas son indubidables: o desenvolvemento dos métodos científicos, o acceso a fontes primarias, o traballo multidisciplinar e outros factores contribuíron a ampliar os marcos do coñecemento sobre os nomes de lugar. Porén, a pesar disto, non son poucos os topónimos que seguen a ser verdadeiros enigmas para os expertos na materia; Soesto é un deles.  

Soesto é o nome dunha parroquia do concello coruñés de Laxe e de dúas entidades de poboación dentro dela, Soesto de Arriba e Soesto de Abaixo. A mención máis antiga que recolle o corpus de documentos latinos de Galicia é do século X:  aparece como Solesto  nun documento do mosteiro de Celanova. Esta atestación, con -l-  intervocálico, pode ser chave para achegarnos á súa orixe, pois grazas a ela algúns investigadores viron na primeira sílaba do topónimo unha variante da raíz prerromana hidronímica *Sor- / *Sar-, da que proceden outros topónimos galegos como Serantes ou o río Sar. A presenza dun curso fluvial que atravesa a totalidade da parroquia serviría como esteo sobre o que apuntalar esta tese. 

Outros autores, en cambio, xulgaron que o primeiro dos elementos que forman o topónimo é a preposición latina SUB ‘debaixo de’, con abundante presenza en topónimos galegos como Somoza (< lat. SUB MONTIA), Somonte (< SUB MONTE), Soneira  (< SUB NERIA)...

Tampouco existe unanimidade nos investigadores sobre o segundo dos elementos que podería formar este topónimo, -esto ou -oesto. Paulo Martínez Lema defende que o compoñente sufixal “semella ser o mesmo que podemos illar” noutros topónimos como Corcoesto e O Esto, “todos eles alusivos segundo vemos a entidades de poboación xeograficamente moi próximas entre si”. Mais deixa sen resolver a dúbida do seu significado. 

Ao trío de topónimos que acabamos de ver, Corcoesto, O Esto e Soesto, podemos engadir un cuarto semellante foneticamente, Oeste, localidade do concello pontevedrés de Catoira, que Gonzalo Navaza explicada como descendente do antropónimo latino HONESTUS a través do seu xenitivo, (VILLA) HONESTI. Na documentación do mosteiro Oseira rexístrase unha “leyra d’Oesto” (ano 1269) que parece conter este nome persoal, o que nos serviría para explicar Soesto como un antropotopónimo.

O propio Gonzalo Navaza engade unha terceira proposta para este Soesto que o relacionaría co termo latino AESTUS ‘marea’, vínculo que encaixaría perfectamente con este lugar da Costa da Morte. Non obstante, existe un atranco para darlle total validez a esta hipótese: aestus apenas deixou pegada nas linguas romances, agás en termos como esteiro ou estuario.

Quizais sexa un recordo dun nome de río prerromano, quizais unha derivación dun antropónimo latino ou quizais unha rara supervivencia do termo aestus. O que si sabemos con certeza é que Soesto é un lugar único en toda Galicia.
 

Tamén che pode interesar...

Se repasamos a relación de entidades de poboación que forman o concello coruñés de Frades, atopámonos con catro topónimos que comparten…

O concello ourensán de Baños de Molgas está formado por só 43 aldeas e 14 parroquias, un número escaso se o comparamos cos case 800…