As razóns do -b- do topónimo Ribeira

O pasado 3 de marzo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron nun acto público na casa consistorial do concello de Ribeira, conovocados polo rexedor municipal, Manuel Ruíz. Neste evento, expuxéronse ante os membros da corporación municipal e a veciñanza as conclusións do informe elaborado pola RAG que defende a lexitimidade da grafía con -b- do topónimo Ribeira, fronte á forma deturpada con -v- que se viña empregando no concello ata agora. A forma oficial foi asumida por unanimidade, poñendo fin, deste xeito, a tantos anos de polémica.

Segundo o informe, Ribeira é un dos nomes de lugar máis frecuentes en Galicia, con máis de 80 entidades de poboación que se chaman así ou conteñen esta palabra na súa denominación, alén doutros 800 microtopónimos recollidos en Galicia Nomeada.

O termo é ademais unha voz de uso común: o substantivo ribeira, defínese no dicionario como ‘franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar' e ‘zona de terra que está próxima e dá cara ao mar ou cara ao río'. A súa orixe está no termo latino RIPARIAM, cun significado moi semellante ao actual. Nel atestíguase a evolución fonética característica do galego da oclusiva intervocálica xorda latina, -P- á sonora -B-, presente noutros termos do galego común como POPULU(M) > pobo, CAPUT > cabo ou CAPITIA > cabeza. As Normas ortográficas e morfolóxicas establecen que, malia non haber diferenciación fonolóxica entre a escrita -b- e -v-, no galego moderno téndese á distinción gráfica conforme á etimoloxía e, por tanto, a forma do galego común, ribeira, debe grafarse tamén con -b-.

No caso concreto do topónimo, existen múltiplos testemuños, tanto antigos como modernos, coa forma -b-. Na documentación antiga galega, a parroquia rexístrase por primeira vez atestada nun testamento de 1378 recollido por López Ferreiro na obra Colección Diplomática da Galicia Histórica. Alí figura como Santa Ougea de Ribeira (pax. 421), segundo transcrición do autor. Menos dun século despois, no Liber Tenencie do Horro (ano 1432) tamén se recolle entre as parroquias do arciprestado de Postomarcos a de Sancta Ougea de Rribeyra. En textos posteriores de Galicia, xa escritos en castelán, o nome da parroquia aparece máis ou menos castelanizado e, ás veces, con artigo (da Ribeira), pero sempre escrito con <b> ata o século XVII en que, nas Memorias do cardeal Gerónimo del Hoyo, se documenta por primeira vez con <v>. A partir do século XVII, pódese dicir que o nome escríbese xa de xeito regular con esta grafía, feito no que é innegable a influencia do castelán, pois, segundo os datos de que dispoñemos, esta é a única lingua na que se escriben os textos onde figura o topónimo ata o século XX.

Cómpre lembrar que a partir do século XV (despois de que se atestase por primeira vez o nome Ribeira para designar a parroquia) documentouse en castelán a voz rivera, de significado distinto a ribera, xa que se refire a un regato. Isto, xunto coa confusión de grafías b/v que na Idade Media representaban diferentes realizacións fonéticas e que logo confluíron nun único son, facilitou que se usasen indistintamente, o que explica claramente o incremento das formas gráficas Riveira.

Con todo, oficialmente o nome do municipio figurou baixo as formas de Santa Eugenia de Ribeira no Nomenclátor de 1842; Riveira nos de 1860 e 1877; e Ribeira (sen a advocación) nos de 1857, 1887, 1897, 1900, 1910, 1920, 1930, 1940, 1950, 1960, 1970, 1981, 1991, 2001, 2011 e así ata a actualidade.

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoxe o nome dunha parroquia de Narón e doutra do municipio veciño de Ferrol, Santa Icía de…

En Ponte Caldelas existe un castro á beira do embalse de Eiras onde morou, en tempos remotos, un habitante singular: un xigante de…