Solda e Trobisquido: dous fitotopónimos de Meaño?

A fitotoponimia é a parte da toponimia que estuda a orixe dos nomes de lugar que derivan dos diferentes vexetais. Este estudo resulta ben interesante non só desde o ámbito onomástico, pois pode achegarnos datos sobre a flora, os usos da terra, como era a paisaxe no pasado... así como outra información que pode servirnos para trazar os usos e costumes dos nosos antepasados.

Para o caso galego, contamos cun amplo estudo do académico Gonzalo Navaza quen na súa obra Fitotoponimia galega analizou preto de 8.000 topónimos derivados de 240 formas toponímicas, que se corresponden a 150 especies botánicas distintas.

Unha destas especies botánicas que podemos atopar nesta obra é o trobisco, definido como “arbusto da familia das timeláceas que pode alcanzar un metro de altura, con follas lanceoladas e velenosas, flores en acio de cor abrancazada e froitos en baga, de cor encarnada, tamén velenosos”. Este arbusto presenta as variantes dialectais de torevisco, trevisco, turbisco, aínda que tamén é coñecido como matapulgas.

Malia ser unha planta moi empregada en Galicia para a pesca fluvial ata hai ben pouco, tal e como salienta Navaza, foron moi poucas as pegadas toponímicas que deixou: o lugar meañés chamado Trobisquido, formado a partir do sufixo abundancial -ido, é o único descendente directo que atopamos no Nomenclátor de Galicia, ao que poderiamos sumar o lugar da Trovisca do concello da Cañiza. Porén, Navaza ignora se este A Trovisca fai referencia ao trobisco ou a outra especie, a herba leiteira ou chamada cientificamente Titimalus characias, pois así foi como a definiu Sarmiento.

Máis escuro canto á orixe é o topónimo Solda, tanto que Navaza non a inclúe dentro da súa obra. Segundo a RAG, este termo emprégase no galego común para referímonos a unha “planta herbácea da familia das rosáceas, que forma unha mata de follas que desaparecen antes da floración e flores formadas por catro verticilos de cor amarela viva”. O propio Padre Sarmiento recolleu este fitónimo con este nome na zona de Campo Longo, pero noutras partes de Galicia recibe os nomes de herba de San Pedro, tormentilla ou panequeixo.

Porén, a carencia dun sufixo abundancial que si observamos no caso de Trobisquido ou tamén nas aldeas deste concello chamadas Carballoso (“abundante en carballos”) ou Freixeiro (“lugar abundante en freixos”), fixo considerar outras hipóteses para o topónimo Solda. Así, tamén se relacionou cunha raíz hidronímica  prerromana que estaría detrás doutro topónimo galego, Soldón, lugar do concello de Quiroga que tamén dá nome ao río Soldón, afluente do Sil.

Sexa como for, tanto Trobisquido como Solda son dous topónimos únicos en toda Galicia que se atopan no concello pontevedrés de Meaño.

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…