A Tablilla, un enigmático topónimo de Tordoia

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser. En moitos casos, a motivación do topónimo está documentada. Por exemplo, no lugar chamado O Campo da Feira da parroquia tordoiesa de Viladabade celebrábase a comezos do século XX unha feira o primeiro domingo de cada mes. Noutras ocasións podemos chegar a intuír cal foi a orixe do lugar, malia non termos probas que o confirmen. Este sería o caso do lugar chamado As Cerdeiras, nesta mesma parroquia, onde deberon existir noutro tempo moitas árbores que daban cereixas, aínda que hoxe está rodeado de terras de labor e eucaliptos. Por último, nun grupo amplo de topónimos resulta ben difícil atopar a motivación que o orixinou, mesmo aínda que sexan nomes relativamente próximos no tempo e aparentemente transparentes. A Tablilla sería un deles.

A Tablilla é o nome dunha aldea que forma parte de dúas parroquias, Rodís, en Cerceda, e Bardaos, en Tordoia. Como explican Lidia Gómez e Luz Méndez na súa obra Toponimia de Tordoia, non dispoñemos de atestacións antigas do topónimo e tampouco figura nos nomenclátores históricos ata a época actual. Dado que está próxima no tempo a súa orixe -os primeiros testemuños que atopamos na prensa son de mediados do século XX-, debería ser doado coñecer o seu significado orixinario, mais as propias autoras afirman descoñecer a motivación que orixinou o topónimo.

Este nome xa fora estudado por Edelmiro Bascuas, quen o encadrou entre os descendentes da raíz hidronímica indoeuropea *tā- ‘derreterse, fluír’, aínda que tamén podería ser  un derivado da voz común táboa, procedente do latín *TAB(U)LICULA. Tendo en conta isto último, as autoras do libro mencionado consideran a posibilidade “de que sexa un préstamo recente do castelán”. Agora ben, cal sería a función desa táboa pequena, ou “tablilla” que motivou a denominación?

Segundo Lidia Gómez e Luz Méndez, o lugar talvez “naceu por un establecemento comercial, pois nalgúns tempos a autoridade requiría a colocación dunha “tablilla” ou táboa pequena nos mesóns ou nas tabernas para fixar prezos e outros anuncios”. Así, nun documento conservado no Arquivo da Universidade de Santiago e datado en 1802, figura unha petición de Roque Suárez, deputado do común, “solicitando se fije tablilla con los precios en la cortaduría y puesto del repeso de carnes”; e noutro documento do mesmo ano acórdase “que tanto el alguacil como las vendedoras de pescado extremen la custodia de la tablilla con los precios”. Rexistros semellantes hainos documentados desde o século XVI.

Agora ben, a acepción ‘táboa pequena en que se fixan prezos’ non foi o único significado que tivo a palabra “tablilla”. Durante os séculos XIX e XX, con este termo castelán tamén se facía referencia en Galicia aos taboleiros de información municipal que existían nas casas consistoriais e noutros termos do territorio, tal e como aparece en multitude de exemplos na documentación oficial de calquera concello galego. Tamén se lle chamaba “tablilla” a unha listaxe onde se escribían os nomes das persoas excomungadas e mesmo existía a expresión “estar en la tablilla” para mencionar a tales persoas, acepción que recollen os dicionarios de castelán desde o século XVIII.

Outro interesante significado do uso “tablilla”, relacionado co proposto por Lidia Gómez e Luz Méndez. é o que se lle dá Boletín oficial da provincia da Lugo do 20 de maio de 1857, o administrador da facenda da provincia de Lugo publica a reforma das regras do imposto de consumo que se aplicaba para a entrada de determinadas mercadorías na cidade lucense. No articulado do referido regulamento, cítanse varias “tablillas” onde estaban expostas as taxas. Estas “tablillas” estaban colocadas nas diferentes estradas e servían non só como relación de prezos, senón tamén para demarcar o radio onde se cobraba o imposto: “Desde la tabilla de una casa inmediata a la carretera... en la parroquia de Albeiros hasta la iglesia...”; “hasta la tablilla fijada en una casa inmediata a la carretera de Castilla”; “desde dicha iglesia parroquial hasta la tablilla...”.  

Por todo o exposto ata agora, vemos que substantivo castelán tablilla tivo noutrora diferentes significados: ‘táboas onde se fixaban prezos’, ‘taboleiro de anuncios municipal’, ‘relación de persoas excomungadas” ou ‘linde dun tipo de xurisdición’. Pero sería algunha destas acepcións a que motivou a aparición do  topónimo A Tablilla

A chave para resolver a dúbida dánola Ramón Vilar Landeira, escritor e xornalista con raíces nesta aldea. Ramón comenta nun artigo publicado en La Voz de Galicia que esta aldea naceu polos anos 30 do século pasado coa construción das primeiras casas a carón da estrada que unía Ordes e Carballo e nun punto onde había "unha pequena táboa de madeira que indicaba o camiño cara ao veciño municipio de Tordoia". Segundo escoitou dos seus familiares e veciños -algúns deles estaban entre os primeiros poboadores do lugar-, este pequeno indicador viario, ao que chamaban “a tablilla”, foi o que propiciou o nome da recente entidade de poboación que estaba nacendo ao redor do Monte do Espadanal, nome polo que sempre foron coñecidas estas terras.
 

Tamén che pode interesar...

O río Asma marca en boa medida a identidade e a paisaxe de Chantada, pois cruza o territorio deste concello de leste a…

Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…