Conta a lenda que nas alturas do Xistral existía un lago que pouco a pouco se foi secando a través dos cursos fluviais cara ao Cantábrico. Un deles ía cargado do metal precioso máis cobizado que lle acabaría por dar o nome: o río Ouro. Tamén hai quen di que este río recibe o seu nome pola cor dourada que todos os solpores produce no seu curso.
As dúas historias que abren este artigo e que se escoitan polas terras do Valadouro, son dous exemplos claros de etimoloxías populares, isto é, a definición da orixe dun termo a través de crenzas, mitos ou falas interpretacións das evolucións das palabras.
O nome do concello do Valadouro é un composto do latín VALLE, a preposición de e o hidrónimo Ouro, denominación do río principal que atravesa o territorio do concello e que, como vimos neste artigo, desemboca en Fazouro. A forma actual Valadouro é resultado dun fenómeno de asimilación vocálica (Valedouro > Valadouro).
Mais se a primeira parte do topónimo é transparente, temos máis dúbidas cando ao hidrónimo Ouro. Fernando Cabeza Quiles, no seu Toponimia de Galicia (2008:238-239), suxire que este río puido chamarse nun principio *Douro e, por tanto, aparentado co río Douro, mais que acabou por se converter en Ouro por “atracción ou contaxio da palabra Ouro”. Outros autores derívano dunha indoeuropea OR- que aparecería noutros ríos como Oulo ou Oira.
Por tanto, pouco ouro atoparás, agás o río Ouro, se fores ao Valadouro. Unha mágoa!
Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na…
Os topónimos que coinciden con palabras do léxico común ou que están incluídas nos dicionarios xerais adoitan ter unha explicación ben…