Tres topónimos de Triacastela

Aínda que a segunda parte do topónimo Triacastela pode levarnos a pensar na antiga presenza de tres castelos no territorio, sabido é que a forma latina CASTELLA é o plural neutro de CASTELLUM, derivado de CASTRO, ‘castelo, campamento, castro’. Polo tanto, fai referencia á existencia de ‘tres castros pequenos neste territorio”, cuxa orixe xa está documentada nun documento do mosteiro de Samos do ano 922. Triacastela foi un dos topónimos que Vicente Feijoo explicou o pasado 1 de outubro de 2021 na charla “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. Outros foron os seguintes:

Toldaos, a vila dos toledáns

Ademais de en Triacastela, Toldaos é unha parroquía e lugar de Pantón, Láncara e O Incio. Tradicionalmente está aceptada a tese de que todos estes Toldaos son un topónimo de traslado: coa avance dos árabes da península, un grupo de habitantes da cidade de Toledo acabou por fuxir cara ao norte. Os lugares en que se acabarían asentando recibirían o nome do seu xentilicio, TOLETANUS, que daría Toldaos por perda do e pretónico que impediría a desaparición do  -l- intervocálico, tal e como explica Fernando Cabeza Quiles na súa Toponimia de Galicia.

Unha fonte de augas perennes

Precisamente na parroquia de Toldaos está outro dos topónimos que máis interese causaron na charla Toponimízate de Triacastela, Fompernal. Trátase dun nome de lugar único en todo o Nomenclátor de Galicia que, a primeira vista, non resulta transparente. Procede do latín FONTE PERENNALE, indícanos a presenza no lugar dunha fonte que nunca seca, isto é, con auga perenne, unha propiedade que debe caracterizar o manancial situado nas proximidades de Santalla en Triacastela e que tamén se denomina Fonte de Fompernal. No concello de Noia atopamos un parente moi próximo deste topónimo, Fonte Pernal, co mesmo significado.

A caza do lobo na toponimia triacastelá

Igual que Fompernal, outro topónimo único do Nomenclátor que só aparece en Triacastela é Fillobal, lugar da parroquia de Vilavella. O nome deriva de FOVEUM LUPALE e indica a presenza no lugar dun foxo (FOVEUM) ou trampa para cazar lobos (LUPUS). De feito, un dos asistentes á charla Toponímizate lembrou a existencia dos muros deste “foio”, tal e como lle din na variante lingüística da zona.

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…