A veciñanza de Abadín súmase ao proxecto Galicia Nomeada
A campaña de recuperación e posta en valor da nosa toponimia tradicional, Toponimízate, volveu con folgos renovados tras o descanso estival. Fíxoo o pasado venres 30 de setembro na Casa do Concello de Abadín. A charla foi presentada polo alcalde do concello, Xosé María López Rancaño, e tamén pola filóloga Claudia Cendán Gaute, profesora de lingua e literatura no ensino secundario.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir estes relatorios, centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento do plataforma colaborativa Galicia Nomeada, a ferramenta dixital para a recolla dos microtopónimos galegos e de toda a tradición oral vencellada a eles. Fíxoo coa intención de sumar novos colaboradores e colaboradoras neste concello da Terra Chá tan necesitado de salvagardar a súa toponimia menor. Cómpre ter en conta que, con case 200 km², 19 parroquias e máis de 300 aldeas, no concello de Abadín só temos recollidos neste momento no visor de Galicia Nomeada arredor duns 250 nomes de fontes, regatos, carreiros, leiras, penedos... Facíase necesario, pois, involucrar os asistentes para sumárense ao proxecto colaborativo e para que tamén o difundan entre os seus veciños, familiares e amigos.
Xa para rematar, Vicente Feijoo tivo tempo tamén para explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias deste concello chairego e dalgunhas das súas aldeas máis relevantes. Entre outros, salientou a cantidade de nomes de lugar derivados de nomes de persoa, isto é, antropotopónimos, que atopamos nas denominacións das parroquias abadinenses: desde o propio Abadín, procedente de (VILLA) ABBATINI, é dicir, a explotación agrícola e as terras propiedade dunha persoa chamada ABBATINUS; Aldixe, procedente do sintagma latino (VILLA) ELDOIGI, dun señor chamado ELDOIGIUS; ou Baroncelle, que provén da fórmula de xenitivo (VILLA) BARONCELLI, propiedade dun tal BARONCELLUS. Tamén escoitaron as sorprendentes hipóteses que se barallan para explicar os diferentes lugares denominados Roma que existen no noso territorio.
Antas de Ulla, seguinte parada da campaña Toponimízate
Este mesmo venres 6 de setembro, a xira Toponimízate chegará á antiga Casa Cuartel de Antas de Ulla, onde Vicente Feijoo estará acompañado, ademais da alcaldesa Pilar García, por Andrea Santiso, autora da obra Toponimia de Antas de Ulla, publicada pola Real Academia Galega na colección Terra Nomeada.