Éxito de participación na charla Toponimízate de Barro

Barro sumouse o pasado venres 27 de setembro á longa listaxe de concellos que en todo o país descobren o valor cultural da nosa toponimia e a importancia de salvagardala, grazas á campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, unha iniciativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua que desde os seus inicios chegou a máis de 90 municipios do país, e fíxoo enchendo o Salón de Plenos da Casa do Concello. 

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, foi o encargado de presentar esta charla e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da RAG. Abraldes manifestou o seu agradecemento porque o seu concello fose un dos seleccionados este ano para desenvolver esta actividade divulgativa e comprometeuse a traballar arreo na recolleita da súa microtoponimia local. 

Segundo comentou na presentación do relatorio, desde o Concello vanse facer varias xeiras informativas nas parroquias procurando a implicación das asociacións veciñais e das comunidades de montes na salvagarda deste patrimonio inmaterial a través da plataforma Galicia Nomeada. Contarán para isto cunha persoa moi implicada na cultura rural, Sheila García Prado, arquitecta e xestora cultural, que forma parte do colectivo Espazo 16 e do colectivo Costa Oeste. Esta colaboradora do Concello coordinará as actividades de recolleita buscando tamén a implicación do alumnado e profesorado do IES de Barro.  Deste xeito, o Concello de Barro convértese nun verdadeiro exemplo de compromiso coa súa terra e coa historia local, implicando a varias xeracións nun proxecto cultural colectivo que axudará a crear comunidade e arraigo entre a xente máis nova.

Vicente Feijoo saíu moi contento desta charla, que se prolongou ata case 3 horas, pola intensa participación e interese mostrado polos asistentes, algúns deles cun alto grao de coñecemento dos nomes das terras da súa parroquia. Algunhas das persoas de máis idade, como Elena Pintos e María Outón, manifestaron a súa ilusión por facer este traballo acompañadas dos seus netos; eles irán introducindo os topónimos en Galicia Nomeada mentres dan un paseo coas avoas polas corredoiras das súas respectivas aldeas.

Como vén sendo habitual nas charlas Toponimízate, Vicente Feijoo dedicou gran parte da charla a explicar as principais funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada, tanto a súa versión de escritorio para ordenadores como a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderon a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa engadidos etc.

A última parte do relatorio estivo dedicada a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas barrenses. Os asistentes estaban moi interesados en saber o significado da parroquia de Perdecanai, unha orixe que está vencellada aos nomes de dous lugares existentes nesta parroquia, Canai e Parada, cuxa etimoloxía ampliamos neste artigo. Tamén lle resultou moi curioso á veciñanza coñecer os diferentes nomes que tivo ao longo dos tempos a freguesía de Portela, pois figura na documentación do século XVIII como San Mamede da Silva da Portela e, segundo o Padre Sarmiento, era chamada Criscimir na Idade Media. A importancia do Santo Amaro da Portela e a da Feira da Portela provocarían o cambio de denominación desta parroquia.

Nova parada do outono: A Arnoia

A seguinte charla Toponimízate será dentro de dúas semanas no concello ourensán da Arnoia. A cita coa nosa toponimia será o mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento.
 

Galería de imaxes
Tipos