“Aquí tamén se fala” fixa como obxectivo que “o Dépor sexa da Coruña”

A novidosa iniciativa “Aquí tamén se fala!” do IES Rafael Dieste da Coruña marcou para este 2025 un novo obxectivo: conseguir que a principal institución deportiva da cidade e unha das máis salientables do país, o Dépor, sexa por fin da Coruña. Os promotores desta iniciativa de dinamización lingüística buscan que “a partir da seguinte temporada, 2025-2026, na que o club celebra o seu 120 aniversario" empregue o topónimo que desde hai varias décadas é oficial para todos os efectos: A Coruña.

A campaña, que se presentou hai uns días na cidade da Coruña, naceu con moita forza. O manifesto “O Dépor é da Coruña” conta desde o inicio cunha chea de apoios, entre os que figuran representes das principais institucións culturais do país, como o ex-presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e os responsables de lingua da Deputación e do Concello da Coruña. Xunto a eles, os directores e directoras de todos os institutos públicos da Coruña, os xefes e xefas dos departamentos de lingua e literatura e os responsables dos Equipos de dinamización da lingua galega. Alén doutros representantes culturais, non podían faltar grandes nomes do club, como Álex Bergantiños, un dos 10 xogadores que máis partidos disputou coa camiseta branquiazul e que foi capitán nas súas últimas temporadas como profesional; ou Dani Mallo, símbolo da canteira deportivista na época dourada do Dépor.

No manifesto, os promotores salientan que o Dépor, principal símbolo moderno da cidade, “nunca tivo medo de avanzar e diso dan proba os grandes éxitos colleitados (...), a creación pioneira dun equipo feminino ou a participación nunha liga comprometida coa diversidade e a inclusión polas xeracións futuras”, polo que, “para dar cabo dunha demanda que vén de longo percorrido, coidamos que o Deportivo debe ser da Coruña e que o cento e vinte aniversario do club pode ser, ademais, unha oportunidade histórica para demostrar compromiso e responsabilidade. Coraxe e determinación. Orgullo e identidade".

“Aquí tamén se fala!” é a maior campaña de dinamización da lingua galega exercida activamente pola mocidade estudantil, con accións directas na contorna inmediata do propio alumnado. Malia que o proxecto comezou no IES Rafael Dieste da Coruña, del xa forman parte máis de 200 centros de todo o país.

Como din os seus promotores, “é imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña”. Agardamos que así sexa.

Tipos