Galicia Nomeada participou nunha xornada do Consello da Cultura Galega sobre a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial
O xoves 13 de novembro, o Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu unha xornada dedicada a analizar a situación e a protección do patrimonio cultural vivo. Co título “A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia”, a sesión quixo pór enriba da mesa as carencias que presenta o tratamento actual do patrimonio cultural galego e explorar o potencial do traballo en rede e colaborativo que se está facendo no noso territorio.
A cita, que se abriu coa presentación dun informe elaborado pola sección de Patrimonio do CCG sobre a situación e salvagarda do patrimonio inmaterial, contou coa presenza de persoas expertas na materia que incidiron na importancia de protexer o patrimonio inmaterial galego e avanzar no seu recoñecemento.
Neste interesante evento, cuxo programa pode consultarse na web, as organizadoras, Teresa Nieto e Ana Lavandeira, quixeron reservar un espazo para a exitosa experiencia de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial levada a cabo desde hai 5 anos polo proxecto colaborativo Galicia Nomeada.
Baixo o título de “Galicia Nomeada: un modelo de plataforma colaborativa para a recolleita de patrimonio cultural inmaterial”, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico da plataforma, explicou o funcionamento desta ferramenta dixital para a salvagarda e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral vencellada a ela, xa que a nosa toponimia forma parte dos bens de interese cultural tal como reza na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Tamén se deu conta do proceso de creación da plataforma colaborativa e dos resultados obtidos nestes 5 anos desde a súa posta en marcha: conseguiuse rescatar ata agora máis 100.000 nomes de leiras, fontes, montes, regueiros, penedos... e conta coa participación de máis de 4.000 usuarios e usuarias, entre os que hai moitos particulares, pero tamén asociacións, centros de ensino, concellos, comunidades de montes... de todo o territorio galego.
Na súa intervención, que se pode volver ver na canle de Youtube do Consello da Cultura Galega, salientou o potencial das novas tecnoloxías e da colaboración comunitaria para preservar e transmitir saberes, tradicións, expresións orais e formas de vida que conforman a identidade cultural de Galicia.
Desde Galicia Nomeada queremos agradecer ao Consello da Cultura Galega e, en particular a Teresa Nieto e Ana Lavandeira, a súa invitación para participar nesta interesante e necesaria sesión sobre a salvagarda do noso patrimonio inmaterial.