A Asociación Cultural Os Penoucos do Baixo Ulla súmase ao proxecto Galicia Nomeada

O pasado venres 14 de novembro, o Auditorio da Casa de Rosalía abriu as súas portas a Galicia Nomeada cun obxectivo: convocar o maior número de voluntarios e voluntarias posibles que se unan ao proxecto colaborativo da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia para recoller os nomes das terras e toda a tradición oral vencellada a eles no territorio do Baixo Ulla: concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

O encargado de presentar o relatorio impartido por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, foi o presidente da Asociación Cultural Os Penoucos, Miguel Lois. Este colectivo ten como eixo o fomento da lingua e cultura galegas, realizando actividades culturais, artísticas e medioambientais. Do seu activismo naceu a web obaixoulla.gal, un interesantísimo catálogo dixital aberto, libre e gratuíto, de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos citados arriba que forman este territorio histórico.  

Foi a propia asociación, a través da súa secretaria, Rocío Castro, quen amosou un gran interese por vencellar as súas actividades e o amplo coñecemento que posúen do patrimonio cultural deste territorio cos obxectivos do proxecto Galicia Nomeada. Esta motivación levounos a contactar coa Real Academia Galega para planificar esta actividade formativa, titulada “Galicia Nomeada: un recurso dixital para salvagardar, divulgar e investigar a toponimia galega”.

Vicente Feijoo explicoulles ás persoas asistentes a importancia dos nomes de lugar como patrimonio cultural  inmaterial e a valiosa información lingüística, histórica e cultural que nos achegan sobre o territorio en que habitamos. Tamén fixo fincapé na urxencia que ten recoller a microtoponimia (nomes de leiras, prados, fontes, penedos, regueiros...), polo grave perigo que corre de se perder nas última décadas. Todo isto, como introdución do prato forte da sesión, que foi mostrar todas as funcionalidades da plataforma colaborativa Galicia Nomeada para recoller estes nomes e difundilos. Para iso, ensinou como darse de alta na plataforma; como engadir un topónimo; como achegar fotos, audios, vídeos e documentos sobre un nome; como enviar unha suxestión sobre un topónimo xa rexistrado no visor, pero que non está ben escrito ou ben situado etc. 

Entre as moitas persoas asistentes estaba Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico de número da RAG; Héctor Silveiro, académico correspondente da RAG; ou Manuel Lorenzo Baleirón, autor da obra Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga, quen asegurou ter centos de microtopónimos recollidos no seu concello e que se irán engadindo pouco a pouco a Galicia Nomeada.

Desde Galicia Nomeada só nos queda agradecer o agarimoso recibimento que tivemos por parte de todos os membros da Asociación Cultural Os Penoucos e ofrecer a nosa axuda para calquera dúbida que teñan á hora de realizar as súas achegas á plataforma Galicia Nomeada. Oxalá máis asociacións sigan o seu exemplo. 
 

Galería de imaxes
Tipos