O CPI Ponte Carreira inclúe Galicia Nomeada no seu proxecto didáctico

No CPI Ponte Carreira de Frades teñen un plan: o alumnado de 5º e 6º de primaria e mais o dos catro cursos de secundaria poranse mans á obra para recoller os nomes das aldeas e parroquias en que viven, xunto cos seus pais e avós. 

O proxecto estará coordinado en secundaria polo polo profesor de Lingua e literatura galegas e escritor Héctor Cajaraville, mentres en primaria será o mestre Francisco López Fernández. Contarán tamén coa colaboración doutros profesores porque pretenden optar coa realización deste traballo ao premio Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, convocado pola Fundación Antonio Fraguas en colaboración co Museo do Pobo Galego co fin de salientar aquelas comunidades escolares que traballan na educación patrimonial, o coñecemento da lingua e do medio e a posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural. 

A idea do profesorado é que os rapaces e rapazas leven fotografías impresas do territorio das súas aldeas e parroquias para rexistrar á man os nomes das terras. Tamén sacarán fotos dos elementos de interese cultural e gravarán audios dos seus avós e avoas pronunciando os topónimos ou contando historias e lendas sobre eles. Posteriormente, coa supervisión do profesorado do centro, nas aulas incorporarán os nomes de leiras, fontes, camiños, prados, regos... á plataforma Galicia Nomeada. Coa información recompilada, crearán tamén algún tipo de xogo con preguntas sobre os topónimos do seu concello ao estilo do Atopando Compostela, un xogo co que tiveron a oportunidade de competir na mesma sesión formativa que lles impartiu Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, no seu centro o pasado luns 17 de novembro. 

Neste obradoiro moi práctico, Vicente Feijoo fíxolles ver aos arredor de 70 alumnos e alumnas a importancia que ten traballar coa toponimia no mundo do ensino, se temos en conta o gran potencial didáctico da información lingüística, histórica e cultural que nos achegan os nomes de lugar; e sensibilizou os mozos e mozas asistentes do papel tan importante que teñen nas súas mans, isto é, recoller dos seus avós e avoas, pais e nais, veciños e veciñas, toda a información que poidan sobre a microtoponimia do concello de Frades. 

Antes de poñer en práctica o xogo Atopando Compostela, con preguntas sobre toponimia que poden servir para calquera concello galego, o alumnado tamén tivo oportunidade de saber a orixe e significado dos nomes das parroquias deste concello. Chamoulles especialmente a atención saber que Abellá non ten nada que ver coas abelás; que Añá, Gafoi, Moar, Papucín ou Vitre son nomes de antigos posesores das terras da época medieval; ou que o nome da parroquia de Galegos posiblemente naceu en contraposición ao nome étnico doutra parroquia deste concello, a de Céltigos.

Desde o proxecto de Galicia Nomeada queremos agradecer e aplaudir a todo o equipo que está a levar a cabo este magnífico proxecto no CPI Ponte Carreira, en especial a Héctor Cajaraville, que foi quen se puxo en contacto connosco. Tamén ofrecemos a nosa colaboración a outros centros de ensino que queiran incluír a plataforma nos seus proxectos ou actividades escolares.
 

Galería de imaxes
Tipos