Toponimízate xuntará nun mesmo espazo varias xeracións de Boimorto
Este venres 9 de outubro de 2026, a partir das 11:00 h da mañá, a campaña Toponimízate Falámosche dos nomes da túa terra acollerá unha das citas máis especiais desta temporada: na Casa da Cultura do concello de Boimorto xuntaranse a rapazada do CPI Armando Cotarelo Valledor, as persoas usuarias do Centro de Maiores e todos os veciños e veciñas do concello co obxectivo de sumaren esforzos e conservar o seu patrimonio toponímico.
A presentación deste acto irá da man de María Jesús Novo Gómez, alcaldesa do concello, que tamén será a encargada de presentar o relator da charla, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico da plataforma Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
O obxectivo será unir forzas nun proxecto cultural colectivo e interxeracional que consiste en salvagardar a microtoponimia deste concello, isto é, os nomes das terras, fontes, regueiros, penedos, camiños... Deste xeito, a rapazada da Boimorto poderá aproveitar todo o saber que atesouran os seus maiores sobre os nomes da súa terra e mais da tradición oral vencellada a eles antes de que se perdan. Esta iniciativa debe levarse a cabo con certa urxencia, pois Boimorto é un dos concellos do país que ten practicamente ten toda súa microtoponimia sen rexistrar no visor de Galicia Nomeada: non foi obxecto dunha recolla sistemática durante os anos en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e, desde o lanzamento da plataforma hai case sete anos, é un dos municipios do país con menos achegas por parte dos colaboradores do proxecto, só 14 topónimos relativos terras, montes ou algún elemento de interese cultural.
Dado o perfil tan diverso de oíntes que se van xuntar en Boimorto, os contidos xerais da campaña estarán adaptados co fin de que lles resulte o máis didáctica e proveitosa posible. Daquela, Vicente Feijoo comezará falando da riqueza toponímica excepcional que posúe Galicia e do perigo que corre de perderse nas últimas décadas. Para que este patrimonio cultural inmaterial non desapareza temos a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, ferramenta dixital cuxo funcionamento centrará unha boa parte do tempo que dura a charla: como engadir un novo topónimo, como subir un arquivo de son onde algún maior pronuncia o topónimo ou conta algunha lenda relacionada con el, somo subir unha imaxe dun elemento de interese cultural...
Para o final quedarán dúas das partes que máis atención acaparan nas charlas Toponimízate. Na primeira, repasaranse as novidades que trouxo neste concello coruñés a nova actualización do Nomenclátor de Galicia publicada en marzo de 2026: entre os cambios máis salientables podemos adiantar que se engadiron 10 entidades de poboación que non figuraban no Nomenclátor do ano 2003 e, por outra parte, que se modificou a denominación oficial dalgunhas aldeas como Lavandeira, O Outeiro, Samil ou Dormeá, que pasaron a ser A Lavandeira, Outeiro, Saamil e Dormeá ou A Igrexa.
Por último, as distintas xeracións que se darán cita nesta actividade poderán aprender a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello, unha parte da charla que conta coa colaboración na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre eles, non poderán faltar Boído, Boimorto e Boimil, tres topónimos cuxa coincidencia formal implicou a aparición dunha lenda que xa foi recollida por Armando Cotarelo Valledor no número 48 da revista Nós: “O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto')”.
Baleira baixará o pano da campaña Toponimízate 2026
O alumnado do CEIP Concepción López Rey do concello lugués de Baleira será o encargado de baixarlle o pano á proveitosa campaña Toponimízate 2026. A cita será o vindeiro 30 de outubro a partir das 12:00 h.