O Bolo conciénciase da necesidade de rexistrar os nomes do seu territorio
O pasado venres 25 de setembro, a campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra visitou a comarca de Valdeorras para concienciar os cidadáns do Bolo da necesidade e urxencia de recoller os nomes das súas terras e dos seus montes. O acto, que tivo lugar na Sala Coworking da Antiga Casa Cuartel, contou coa presenza do alcalde do municipio, Miguel Ángel García, que manifestou o seu agradecemento coa SXL e coa RAG por seleccionar o seu concello para desenvolver esta interesante actividade na campaña deste ano.
Entre o público asistente estivo un dos principais colaboradores de Galicia Nomeada, Serafín López. Está no segundo posto do podium das 10 persoas que máis topónimos achegaron á plataforma Galicia Nomeada, case 8.000 en 100 concellos das catro provincias galegas. Amante das camiñadas e da toponimia, alá por onde pasa aproveita o saber local para ir incluíndo topónimos coa aplicación Galicia Nomeada. Malia que vive en Monforte de Lemos, ten raíces nesta comarca de Valdeorras, pois o seu avó naceu precisamente neste concello do Bolo. Acudiu a este encontro na terra dos seus antepasados para facer contactos e botar unha man na necesaria recolleita dos nomes deste municipio ourensán.
Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, agradeceu todo o labor que está a facer Serafín por salvagardar a nosa microtoponimia e convidou as persoas asistentes a seguiren o seu exemplo, polo menos nas aldeas e parroquias onde viven. Con este obxectivo, centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada para que o público tomase boa nota da ferramenta dixital que desde 2019 está a mudar a forma en que os galegos rexistramos, conservamos e difundimos esta parte tan importante do noso patrimonio cultural inmaterial. Deste xeito, explicouse dun xeito sinxelo e ameno como darse de alta na plataforma, como engadir un novo topónimo, incluír arquivos de son ou de imaxes, enviar suxestións sobre a toponimia xa recollida na plataforma... Os propios asistentes serviron de informantes para engadir os novos topónimos a modo de exemplo.
A parte final da charla estivo dedicada, como de costume, a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias e das aldeas do concello. Pero antes, fíxose fincapé no procedemento e criterios que seguen os membros do Seminario de Onomástica da RAG á hora de oficializar un topónimo, sobre todo, polo rexeitamento por parte dalgúns veciños da forma As Ermidas para o nome dunha parroquia onde existe un sonado santuario, cando eles levan toda a súa vida usando a forma castelanizada *As Ermitas. Neste debate, o público asistente tamén comentou que o lugar hoxe oficializado como Os Orxais adoita pronunciarse como Xorxais ou Xorexais, polo que tomamos boa nota para comezar un proceso de investigación documental e oral deste topónimo de cara á vindeira actualización do Nomenclátor de Galicia.
Entre os nomes das aldeas, os que máis curiosidade suscitaron foron algúns topónimos que son únicos en toda Galicia como Valbuxán, Chandoiro e Outar de Pregos; ou saber que Valdantas e Fornelos poden ter unha mesma motivación relacionada con monumentos megalíticos, malia seren topónimos moi diferentes en canto á forma, tal e como explicamos neste artigo.
Nova charla Toponimízate esta mesma semana nas Neves
Esta mesma semana, Toponimízate visitará o concello pontevedrés das Neves. A cita será o venres 2 de outubro, no Mercado das Neves a partir das 20:00 h.