A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua chaman á recolla dos nomes de lugar do concello das Neves antes de que se perdan
A Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa recta final este mes de outubro con tres citas que servirán para despedir a iniciativa ata o ano vindeiro. A primeira destas charlas será este mesmo venres 2 de outubro a partir das 20:00 horas no Mercado do concello pontevedrés das Neves.
Alí estará o alcalde, José Manuel Alfonso González, que presentará o relatorio que impartirá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, a gran plataforma para a salvagarda e difusión da microtoponimia galega (nomes de terras, montes, regatos, fontes, penedos...).
Trátase dunha iniciativa da Real Academia Galega xunto coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. As dúas institucións fan un chamamento á veciñanza e ás asociacións veciñais e culturais da comarca do Condado para que acudan ao Mercado das Neves co obxectivo de coñecer de primeira man como poden colaborar neste proxecto cultural a través das nosas tecnoloxías.
Este labor de recolla dos nomes da terra é, sen dúbida, urxente nas Neves, pois é un dos concellos galegos que menos achegas públicas recibiu desde a posta en marcha do proxecto Galicia Nomeada hai xa sete anos. Desde 2019, só foron incluídos na plataforma de recolla da microtoponimia galega 16 novos topónimos e hai xa catro anos que non se inclúe ningún novo. Ademais, na época do antigo Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) non se fixera traballo de campo neste concello, polo que as 13 parroquias e as 255 entidades de poboación coas que conta teñen toda a súa microtoponimia sen recoller. Un último factor reitera a necesidade da presenza da campaña Toponímizate: nas últimas décadas, perdeu o 40% da súa poboación.
Cómpre, por tanto, sumar novos colaboradores e colaboradoras que enchan de nomes o mapa toponímico do concello das Neves a través da aplicación Galicia Nomeada. Este será o principal obxectivo co que Vicente Feijoo acode ás Neves. Xa que logo, a parte central da charla será ensinar de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades da aplicación colaborativa Galicia Nomeada para a recolleita da microtoponimia galega e da tradición oral vencellada a ela. As persoas asistentes aprenderán, xa que logo, a manexar tanto a versión para navegadores web como a versión para dispositivos móbiles e coñecerán as súas principais funcionalidades: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...
Tras esta formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará os argumentos que levaron á Comisión de Toponimia a modificar dous nomes de aldea deste concello na última actualización do Nomenclátor de Galicia 2026: *Porteiro e *Traloval, dúas localidades da parroquia de Batalláns, pasaron a denominarse oficialmente Porteiró e Tras do Val. Neste apartado explicarase cal é proceso de revisión do Nomenclátor e solicitarase a axuda das persoas asistentes para continuar con este labor.
Xa para rematar, explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello que ata 1907 recibiu o nome de Setados, único en toda Galicia, como tamén o son Taboexa, Bermuín, Batalláns, Empiade...
Boimorto, penúltima charla da campaña Toponomízate 2026
O vindeiro venres 9 de outubro de 2026, o concello coruñés de Boimorto acollerá unha das citas máis especiais desta temporada: a rapazada do CPI Armando Cotarelo Valledor e as persoas usuarias do Centro de Maiores reuniranse na Casa da Cultura para sumaren esforzos e loitaren pola recuperación da súa toponimia tradicional. A cita dará comezo ás 11 da mañá e estará aberta a toda a veciñanza interesada.