A campaña Toponimízate viaxa esta semana ao concello do Bolo nas terras de Valdeorras
A campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra despídese esta semana das terras ourensás no concello do Bolo. Os amantes do noso patrimonio cultural e da riqueza toponímica da comarca de Valdeorras teñen, por tanto, a última oportunidade deste ano para se uniren aos milleiros de persoas que en todo o territorio galego están contribuíndo a salvagardar a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada un dos nosos maiores tesouros patrimoniais galegos, os nomes da nosa terra.
A charla terá lugar na Sala Coworking da Antiga Casa Cuartel este mesmo venres 25 de setembro a partir das 19:00 h e contará coa presenza do alcalde, Miguel Ángel García, quen se encargará de presentar o relatorio de Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, e de convidar o público asistente a unirse a este proxecto colaborativo da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia.
Toponímízate chega ao Bolo co fin de transmitir a urxencia de recoller os nomes dos seus camiños, penedos, montes, regos... Tres son os motivos que fundamentan esta necesidade: este municipio ourensán non foi obxecto dunha recolla toponímica nos anos en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo apenas temos microtopónimos recollidos no seu termo territorial. Desde o lanzamento da aplicación Galicia Nomeada hai case sete anos, só foron achegados 75 topónimos relativos terras, montes ou algún elemento de interese cultural. Por último, O Bolo, como tantos outros concellos da provincia de Ourense, está a sufrir un forte despoboamento que o levou a perder máis da metade de poboación en só catro décadas.
Con estes condicionantes, o principal obxectivo desta charla Toponimízate será conseguir que a veciñanza do Bolo se implique na recollida dos microtopónimos das súas aldeas a través da aplicación Galicia Nomeada. Por tanto, a Real Academia Galega fai un chamamento para que acudan ao relatorio todas aquelas persoas que coñezan o territorio e queiran colaborar para que os nomes das súas terras, camiños, fontes, penedos... sexan conservados e transmitidos grazas ás novas tecnoloxías.
Durante o transcurso da charla, Vicente Feijoo explicará, entre outros contidos, como darse de acta na plataforma colaborativa e como funciona a aplicación para engadir topónimos, acompañados de audios, imaxes, documentos ou vídeos. Desde a posta en marcha desta aplicación colaborativa, lévanse engadido a través dela máis de 125.000 microtopónimos por todo o territorio galego.
Tras este bloque máis práctico, virá a parte máis científica e máis agardada nas charlas Toponimízate: aquela en que as persoas asistentes coñeceran a orixe e o significado dos nomes de parroquias e aldeas do seu concello, un apartado que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Neste concello ourensán formando por 18 parroquias, abondan os nomes únicos no país, como Valbuxán, Valdanta, Chandoiro ou Outar de Pregos. Todos eles serán debidamente explicados nesta parte final do relatorio.
Ademais, tamén se fará alusión aos topónimos deste municipio que foron obxecto dun novo ditame no novo Nomenclátor de Galicia 2026 recentemente aprobado pola Xunta de Galicia co obxectivo de explicar os motivos do cambio; tarefa ben doada neste caso, pois só se modificaron dous topónimos que contiñan erros no Nomenclátor de 2003: Celeiros pasou agora ao nome correcto usado pola veciñanza, Celeirós, e a advocación errada da parroquia de Chandoiro, que figuraba como San Ramón, pasou a San Román. Tamén se pedirá a colaboración do público asistente para saber se quedan entidades de poboación sen incluír no novo Nomenclátor ou se existe algunha pronuncia distinta nos nomes oficiais do resto de aldeas e parroquias.
As Neves, próxima parada da campaña Toponimízate
A semana vindeira, Toponimízate visitará o concello pontevedrés das Neves. A cita será o venres 2 de outubro, no Mercado das Neves a partir das 20:00 h.