As Neves despediu a campaña Toponimízate en terras pontevedresas por este ano
A campaña de posta en valor da importancia cultural dos nosos nomes da nosa terra e da súa recuperación a través das novas tecnoloxías, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, despediuse o pasado venres 2 de outubro da provincia pontevedresa ata a vindeira edición, tras pasar tamén polos concellos de Moraña e Poio na tempada 2026. O acto tivo lugar no local rehabilitado do antigo mercado municipal, onde o alcalde, José Manuel Alfonso González, presentou a charla e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador da plataforma Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Na súa presentación, o alcalde anunciou a intención do seu equipo de goberno de trasladar o proxecto ás parroquias das Neves co fin de chegar ao maior número de persoas. Entre o público, o concelleiro de Cultura, Medio Ambiente e Patrimonio, Víctor Manuel Rodríguez, ratificou o anuncio do rexedor comezando pola parroquia de Taboexa, onde xa fixeron xa unha recollida de nomes de regos, fontes, outeiros... por asuntos relacionados co Catastro e que agora incorporarán á plataforma Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo agradeceu o compromiso municipal e fixo un chamamento á recuperación dos nomes das terras que tanto risco corren de desaparecer. Para poder participar na súa salvagarda e difusión, explicou con detalle o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, tanto na versión de ordenador como a app para dispositivos móbiles: como darse de alta, como engadir novos topónimos; como anexar imaxes ou arquivos de audio na ficha dun topónimo; como facer suxestións sobre nomes mal rexistrados ou mal situados etc. Como mostra, engadiuse o nome dun cruceiro achegado polo propio alcalde: A Cruz do Pousadouro, onde lindan os termos municipais de varias parroquias deste municipio.
Como xa é tradición na Campaña Toponimízate neste 2026, Vicente Feijoo aproveitou a ocasión para explicarlle ao público asistente as tarefas que implica a revisión do Nomenclátor de Galicia e os criterios que aplica o Seminario de Onomástica á hora de modificar o ditame do nome dunha entidade de poboación, unha parroquia ou concello. Por exemplo, o lugar de *Traloval pasou a Tras do Val tras comprobar que nos nomenclátores antigos e na oralidade dos veciños das Neves esta era a forma máis empregada.
A xornada pechouse coa sección dedicada a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias e lugares das Neves. Entre tanta riqueza toponímica que atesoura este concello pontevedrés, son moitos os topónimos únicos como Taboexa, Bermuín, Empiade ou Batalláns. Este último, posiblemente un xentilicio que faga referencia ás persoas residentes do lugar da Batalla, na propia parroquia de San Pedro de Batalláns, un nome que xa explicamos nesta páxina. Vicente Feijoo tamén se detivo na denominación antiga deste concello, Setados, un topónimo único en Galicia e tamén escuro que debullamos neste artigo.
Boimorto, penúltima charla da campaña Toponomízate 2026
Este mesmo venres 9 de outubro, o concello coruñés de Boimorto acollerá unha das citas máis especiais desta tempada: a rapazada do CPI Armando Cotarelo Valledor e as persoas usuarias do Centro de Maiores reuniranse na Casa da Cultura para traballar xuntos pola recuperación dos nomes da súa terra. A cita dará comezo ás 11:00 h da mañá e estará aberta a toda a veciñanza interesada.