Galicia Nomeada incorpora 11.672 topónimos froito da colaboración coa plataforma Patrimoniogalego.net
A web colaborativa Patrimoniogalego.net e Galicia Nomeada volven unirse por un obxectivo común: salvagardar un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural, a toponimia. A plataforma de recolla toponímica Galicia Nomeada acaba de facer públicas 11.672 novas achegas procedentes da web patrimoniogalego.net.
Meses atrás, Manuel Gago, fundador desta plataforma colaborativa, xornalista, director de culturagalega.gal e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e mais Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, puxéronse en contacto para compartir a información recollida en ambos os dous proxectos. A finalidade era vencellar o proxecto de recolleita colaborativa do patrimonio cultural material de Galicia co proxecto da salvagarda dunha parte fundamental do patrimonio cultural inmaterial a través dos topónimos.
Deste xeito, a plataforma Patrimonio Galego puido incluír unha capa de información cos máis de medio millón de microtopónimos rexistrados no visor de Galicia Nomeada e, agora, tras un primeiro labor de cribado, Galicia Nomeada incorpora unha importante cantidade de elementos de interese cultural con cadanseu nome. Estas 11.672 novas achegas dispoñibles no visor de toponimia inclúen fichas detalladas dos bens coa súa descrición, fotografías, estado de conservación...; información que foi compilada tamén de xeito colaborativo ao longo dos 15 anos de vida da web para a recolleita do patrimonio material de Galicia.
Os novos topónimos fan referencia a máis de 3.000 edificios relixiosos entre igrexas, capelas e ermidas; outras tantas cruces, cruceiros e petos de ánimas; arredor de 1.000 castros; máis de 600 petróglifos; medio milleiro de muíños, batáns e folóns; e moitos outros elementos do noso patrimonio como pontes, hórreos, lavadoiros...
Por provincias, 3.928 destes elementos pertencen á de Pontevedra, seguida da Coruña (3506), Ourense (2896) e Lugo (1342). Están representados os 313 concellos galegos: nalgúns casos, como en Baños de Molgas (225) ou Monterrei (208), supón duplicar a cantidade de topónimos recollidos ata o momento na plataforma Galicia Nomeada.
A partir de agora, os técnicos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega realizarán un proceso de revisión destes nomes cargados en Galicia Nomeada para contrastalos con aqueles topónimos que foran xa incluídos con anterioridade por persoas colaboradoras co fin de evitar duplicados. Cando se produza esta repetición, o criterio é dar prioridade aos nomes achegados polas persoas colaboradoras e completar a información de cada topónimo cos datos procedentes das fichas de Patrimoniogalego.net. Mentres duren estas tarefas de revisión e validación, é posible que unha persoa usuaria poida atopar estes duplicados. Desde a Unidade Técnica de Toponimia da RAG pedímoslle un chisco de paciencia, pois estamos antes unha ardua tarefa que nos levará un tempo.
O equipo de Galicia Nomeada quere expresar o seu agradecemento a toda a comunidade de colaboradores e colaboradoras de Patrimoniogalego.net, en xeral, e a Manuel Gago, en particular, por esta beneficiosa colaboración para a cultura do noso país.