A Campaña Toponimízate 2022 difundirá o valor da nosa toponimia en 17 concellos do país

A iniciativa de divulgación da toponimia galega, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra duplica neste ano 2022 a súa oferta de actividades e chegará a 17 concellos do noso país. Coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a campaña chega á súa quinta edición co obxectivo principal de difundir o valor da nosa riqueza toponímica e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron na sede da RAG a edición do 2022 deste programa que "procura dous obxectivos: difundir o valor da nosa toponimia e novos colaboradores para a tarefa", en palabras do presidente da Academia. Freixanes salientou o valor cultural e simbólico da toponimia e da importancia de iniciativas coma esta que contribúen á súa divulgación e conservación. “A toponimia forma parte da nosa memoria histórica. Cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos. Esta campaña está pensada para informar e sensibilizar a sociedade sobre o noso patrimonio, e para facela partícipe dun valor que nos enriquece e que nos dá un sitio no mundo. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, expresou o presidente da institución.

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística puxo en relevo os datos de participación da poboación na recuperación do noso patrimonio inmaterial. "Custa atopar algún ámbito en que haxa unha colaboración cidadá tan ampla", un feito que incide “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre ademais promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “involucrar o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

Nesta nova xeira de charlas, procurouse escoller concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos...) corre maior risco de se perder, quer por viviren un forte despoboamento nas últimas décadas (por exemplo Laza, A Fonsagrada, O Incio, Chandrexa de Queixa...), quer por sufriren amplos procesos de transformación do territorio ao seren concellos próximos a grandes vilas e cidades (por exemplo Oleiros, Ponteareas, Allariz...). Ademais, tívose tamén en conta o feito de que moitos dos concellos elixidos non foron obxecto de traballos de recolla na época que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), o que fai aínda máis necesaria esta iniciativa cuxo fin é a captación de persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada.

As sesións de Toponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG. As charlas constarán dos seguintes bloques temáticos: comezarase falando da riqueza toponímica que ten o noso país e do risco que corre de perderse; a continuación explicarase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza; posteriormente falarase das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural, unha vez  está xeorreferenciada e normativizada; por último, darase conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías do académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza.

Datas e lugares da campaña Toponimízate

O concello lucense de Pantón será o encargado de abrir o pano da Campaña Toponimízate 2022: a cita será o venres 17 de xuño no Salón de Actos da Casa da Cultura. Para o mes de xullo están reservadas tres datas: a primeira, o día 4 no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada, e terá como público de excepción os maiores sadenses, gardiáns da toponimia deste concello das Mariñas coruñesas, un concello, coma tantos outros, nos que urxe recoller a súa microtoponimia; a segunda será o día 8, na Casa do Concello de Laza, ás 20:00 h; e a terceira das charlas será en Chandrexa de Queixa, o venres, 29 de xullo, no antigo colexio de Celeiros. Xa en agosto, chegará  a quenda do concello da  Fonsagrada, o venres 19 a partir das 19:00 h ao Salón de actos do municipal dos Chaos.

Tras as citas do verán, o groso da campaña desenvolverase, como é habitual, no outono. Covelo será a sexta das paradas, o venres 30 de setembro, ás 11:30 horas. Seguirano en outubro Castrelo de Miño (mércores, 5 de outubro ás 11:30 h no CEIP Castrelo de Miño); Rodeiro (venres, 7 de outubro ás 20:00 no Centro Cultural Manuel Lamazares); Fisterra (luns, 10 de outubro ás 17:00 h no salón de actos da Casa do Concello); Ortigueira (xoves, 20 de outubro ás 11:00 h no Teatro da Benficiencia); Allariz (venres, 21 de outubro ás 20:00 h na Casa da Cultura) e Oleiros (venres, 28 de outubro, ás 20:00 h no Auditorio da Fábrica en Perillo). 

Para novembro quedan as restantes citas, que serán en Ponteareas (mércores, 9 de novembro ás 20:00 h no auditorio municipal); Forcarei (venres, 18 de novembro, ás 12:00 h no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei);Guntín (mércores, 23 de novembro ás 12:00 h na Casa da Cultura); no Incio (venres 25 de novembro ás 19:00 h no salón de usos múltiples do Casa do Concello); e, finalmente, Zas (luns, 28 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio);

Coas 17 sesións que se van levar a cabo neste ano, a Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra xa suman un total de 70 os concellos do país aos que levamos a nosa mensaxe.

Algúns datos sobre Galicia Nomeada

Unha parte importante das charlas Toponimízate teñen como centro de atención a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, Galicia Nomeada. Son xa máis de 2.600 as persoas colaboradoras que se rexistraron nesta plataforma e, grazas a elas, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos á disposición de toda a cidadanía galega na rede desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019. Este exército de voluntarios culturais engadiu nomes en 292 concellos galegos. Estas achegas resultan de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda, por citarmos só algúns dos concellos onde máis achegas se fixeron.

Neste último, Silleda, un dos principais colaboradores foi o IES Pintor Colmeiro. Trátase dun dos máis de trinta centros de ensino que forman parte do proxecto e que levaron a toponimia ás súas aulas ou aos seus proxectos docentes a través de iniciativas do profesorado ou dos equipos de dinamización lingüística. Recentemente sumáronse o IES Illa de Arousa, o IES Marqués de Sargadelos, o IES Terra de Soneira ou o CPI O Mosteiro de Meis... Durante a campaña Toponimízate deste ano tamén se sumarán outros centros de ensino como o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei, o  CEIP Castrelo de Miño...

Galería de imaxes
Tipos