A rapazada de Boimorto xa está disposta a rexistrar a súa microtoponimia en Galicia Nomeada
O pasado venres 9 de outubro, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra xuntou na Casa da Cultura de Boimorto o alumando que está a cursar a secundaria no CPI Armando Cotarelo Valledor, con parte do seu profesorado, ademais dalgúns familiares e veciños da cativada. Na presentación do acto, María Jesús Novo Gómez, alcaldesa do concello de Boimorto, escusou a asistencia dos maiores da residencia do Concello, que non puideron asistir como estaba previsto por un problema co transporte. Con todo, anunciou que a intención do seu goberno é aproveitar a potencialidade da plataforma Galicia Nomeada como ferramenta para estimular a memoria das persoas maiores e incluíla entre as actividades que organizan no Centro de Día. No acto tamén estivo Tamara Lorenzo, axente de igualdade do Concello de Boimorto, que se encargou de organizar o evento.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, agradeceu o interese da alcaldesa neste proxecto cultural e mais do equipo doente do centro de ensino da localidade, ofrecendo o apoio e asesoramento do equipo técnico de Galicia Nomeada para todo o que precisen á hora de comezar a introducir na plataforma colaborativa os nomes das terras que os maiores lles vaian indicando aos menores.
Cómpre dicir que os rapaces e rapazas estiveron moi atentos á explicación de como funciona a aplicación Galicia Nomeada, pois todo o relacionado coas novas tecnoloxías resúltalles especialmente atractivo. Ademais, quedoulles ben claro quen eles, as novas xeracións, son un piar fundamental na cadea de transmisión dos nomes da terra antes de que se perdan. Agora tócalles a eles perpetuar a memoria dos seus avós e avoas dun xeito diferente a como se fixo tradicionalmente a través da oralidade.
Vicente Feijoo convidou a alumnado e profesorado do CPI Armando Cotarelo Valledor a unirse á ampla nómina de centros de ensinos que xa traballan man a man con Galicia Nomeada para recuperar e difundir a súa microtoponimia, un traballo que ten un gran potencial didáctico no mundo do ensino. Tamén se fixo fincapé na urxencia que corre rexistrar a os nomes menores de Boimorto, un concello cada vez máis despoboado e que non foi obxecto dunha recolla sistemática durante os anos en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Desde o lanzamento da plataforma hai case sete anos, é un dos municipios do país con menos achegas por parte dos colaboradores do proxecto, só 14 topónimos; este foi un dos principais motivos polos que se escolleu para a impartir a charla Toponimízate na campaña deste ano 2026.
Como adoita acontecer en case todas as charlas, a parte final en que se explica a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do municipio foi a que máis interese suscitou. Moitos rapaces e rapaces quixeron coñecer a etimoloxía dos nomes das aldeas en que vivían. Case todos coñecían a lenda popular que tenta explicar a orixe dos topónimos Boimorto, Boimil e Boído e que foi recollida precisamente polo escritor e investigador que lle dá nome ao centro en que estudan, Armando Cotarelo Valledor: “O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto')”. Pero tamén se sorprenderon moito cando Vicente Feijoo lles explicou a verdadeira etimoloxía destes tres topónimos, da que damos conta neste artigo.
Baleira baixará o pano da campaña Toponimízate 2026
O alumnado do CEIP Concepción López Rey, xuntos cos seus familiares e veciños do concello lugués de Baleira, collerá a remuda dos seus compañeiros de Boimorto para baixarlle o pano por este ano á proveitosa campaña Toponimízate 2026. A cita será o vindeiro 30 de outubro a partir das 12:00 h no propio centro de ensino.