A campaña Toponimízate chega a terras allaricenses

A Casa da Cultura de Allariz acolle este venres 21 de outubro, a partir das 20:00 horas, a segunda das citas desta semana da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Vicente Feijoo, coordinador técnico da campaña e do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, acudirá a este concello ourensán co fin de difundir o valor da nosa toponimia tradicional e, sobre todo, procurar novos colaboradores e colaboradoras para recoller e difundir a súa microtoponimia. O acto será presentado pola alcaldesa deste municipio, Cristina Cid Fernández.

A elección de Allariz como participante da campaña deste ano veu motivada polo feito de ser un dos poucos concellos onde practicamente non se recibiron achegas no visor de topónimos de Galicia Nomeada. Desde a posta en funcionamento, a plataforma para a compilación da nosa toponimia tradicional só se recibiu dúas achegas públicas en todo o territorio allarizao, polo que a práctica totalidade dos topónimos que están dispoñibles son os das súas entidades de poboación.

Vicente Feijoo centrará, pois, boa parte da charla en explicar o funcionamento da aplicación e todas as súas características, despois de concienciar sobre a importancia que teñen os nomes de lugar como patrimonio cultural e da urxencia por rexistralos ante a súa acelerada perda.

Por último, tamén haberá un espazo reservado para coñecer a orixe e significado dos nomes das parroquias de Allariz e mais dos seus lugares, unha parte que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia e próximo académico da RAG. Entre eles, como curiosidade para abrir boca, salientamos o nome dunha aldea chamada Penaflor, unha galeguización dun Peñaflor creado en castelán no século XIX, que veu substituír un orixinario topónimo que se considerou malsoante ou ofensivo, Cabrón

Oleiros pecha as campaña Toponimízate do mes de outubro

O concello coruñés de Oleiros, situado nas proximidades da Coruña, será o encargado de pechar a campaña Toponimízate no mes de outubro. A cita será no auditorio da Fábrica de Perillo, o día 28 de outubro, a partir das 20:00 h.
 

 
Tipos