Éxito de colaboración tras o paso da campaña Toponimízate por Vilar de Santos

O paso da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra polo concello ourensán de Vilar de Santos foi un grande éxito. Doutro xeito non se pode cualificar o feito de que, tras a charla do pasado sábado 22 de xuño, ata 34 persoas solicitasen unha conta de usuario en Galicia Nomeada. Este é precisamente un dos obxectivos que persegue esta campaña de divulgación e formación promovida pola Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral da Lingua. 

A esta calorosa acollida contribuíron, sen dúbida, os membros do padroado do Museo Etnográfico da Limia e algúns representantes da corporación municipal do Concello de Vilar de Santos.  Precisamente, foron dous dos membros da Xunta Directiva do Museo,  André Taboada Casteleiro, vicepresidente, e Xosé Antón Jardón Dacal, coordinador, os encargados de presentar a Vicente Feijoo, coordinador do proxecto Galicia e especialista do Seminario de Onomástica da RAG encargado de impartir estas charlas. A administración local estivo representada por Rubén Colmenero Ferreiro, o tenente de alcalde, quen escusou a ausencia do alcalde por motivos persoais. A iniciativa de solicitar a charla sobre o proxecto Galicia Nomeada partiu deste padroado do Museo da Limia e contaron co apoio do Concello para anunciala e dinamizala entre a poboación vilarsantesa. 

Ante unha sala ateigada de xente,  Vicente Feijoo dedicou unha boa parte do tempo que durou a charla a explicar o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada: como introducir un topónimo, como anexar imaxes, audios ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor... Agardamos que esta formación dea axiña os seus froitos a través dunha chea de microtopónimos subidos á plataforma no territorio deste concello limiao.

A colaboración do público asistente, gran coñecedor de Vilar de Santos, tamén se deixou notar na última parte da charla que, como é costume, estivo destinada a debullar a orixe e significado dos nomes de aldeas e parroquias do concello onde se realiza esta actividade. Vicente Feijoo puido saber polas persoas asistentes que a casa onde agora está o Museo Etnográfico da Limia foi noutrora un hospital de peregrinos; feito que serviu para atoparlle unha explicación á abundancia de topónimos viarios neste concello, como A VendaParada ou O Vieiro, malia que o trazado actual e oficial da Vía da Prata pase polo concello veciño de Sandiás, a escasos quilómetros das aldeas denominadas con estes nomes. Porén, O Vieiro tamén podería ter outros significados, tal e como analizamos neste artigo, pero consideramos que máis verosímil sería o relacionado co paso dunha antiga vía de comunicación. Aos asistentes tamén lles chamou moito a atención que un dos seus topónimos máis singulares e coñecidos, Castelaus, teña a súa orixe nun xentilicio referido a xente procedente dun antigo territorio chamado Castela e que estaba situado entre o Ribeiro e O Carballiño.

Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer aos membros do Padroado do Museo Etnográfico da Limia esta estupenda acollida e súa colaboración para convencer a veciñanza da contorna na importancia de colaborar na salvagardar dos nomes da súa terra para que non caian no esquecemento. 

Agardamos que este pequeno exército de colaboradores se forme tamén na seguinte parada da campaña Toponimízate, Camariñas, este mesmo venres 28 de xuño a partir das 20:00 horas no Centro Cultural Casa de Pedra.

Galería de imaxes
Tipos