A Fonsagrada coñeceu a urxencia de recuperar a súa toponimia
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra retomou a actividade de verán na Fonsagrada o pasado 19 de agosto. O evento contou coa presenza dun fonsagradino de excepción, Antón Santamarina, catedrático de filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e académico de número da RAG, orgulloso portador da distinción Butelo de Ouro desde o ano 2019.
A charla, que tivo lugar no salón de actos municipal dos Chaos, foi presentada pola concelleira do BNG María Xosefa Ortiz, acompañada polo alcalde, Carlos López, polo xefe territorial en Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Gerardo Criado, e polo portavoz do PP no Concello da Fonsagrada, José Luis Regueiro.
Vicente Feijoo, o coordinador técnico de Toponimia da RAG, foi o encargado de conducir a palestra. Nela fixo fincapé na importancia de salvagardar a nosa toponimia tradicional, especialmente nun concello como o fonsagradino, o de maior superficie de toda Galicia, e, por tanto, un dos territorios con maior riqueza toponímica do país, se non o que máis. Para este fin, convidou o público asistente a colaborar coa Real Academia Galega e a Xunta de Galicia na conservación do noso patrimonio toponímico a través da plataforma Galicia Nomeada.
O tema fundamental da primeira parte do relatorio foi o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada para introducir os nomes de terras, montes, penedos, fontes, regueiros... do termo municipal da Fonsagrada, acompañados de fotos, audios coa súa pronuncia ou documentos históricos nos que aparezan escritos. Na segunda parte da charla , Vicente Feijoo faloulles aos asistentes da orixe e significado dos nomes das 29 parroquias da Fonsagrada e dalgunhas das case 300 entidades de poboación coas que conta este municipio lugués.
Covelo, seguinte cita na campaña Toponimízate
O venres 30 de setembro, ás 11:30 horas, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra desprazarase ata o concello pontevedrés de Covelo para dar comezo á intensa xira de outono que levará a recuperación da nosa toponimia a 12 concellos do país.