Galicia Nomeada celebra o seu terceiro aniversario con 3.000 persoas rexistradas
A comunidade de persoas implicadas na recuperación da nosa toponimia tradicional non deixa de medrar: Galicia Nomeada acaba de chegar ás 3.000 contas de usuario dadas de alta cando se acaba de cumprir o terceiro aniversario da súa posta en marcha, o 20 de decembro de 2019. Este dato é tamén importante porque todos os concellos do país contan, por vez primeira, cando menos con unha persoa rexistrada con interese en recuperar a súa toponimia tradicional.
Da boa marcha deste proxecto colaborativo desenvolvido entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, dá tamén fe outro dato: grazas ao traballo de todas estas persoas e colectivos implicados puidéronse recuperar neste trienio máis de 52.000 nomes de predios, montes, regos, penas etc. Todos estes topónimos están xa dispoñibles para a consulta pública na propia plataforma, logo do proceso de revisión do equipo técnico de especialistas de Galicia Nomeada.
As cifras de Galicia Nomeada
Existen 36 concellos de toda Galicia con unha ducia ou máis de colaboradores activos. Por municipios, Boiro encabeza a relación, con 53 persoas rexistradas que incluíron cando menos algún topónimo.
Canto ás achegas públicas, oito municipios do país superan os 1.000 topónimos novos incluídos na aplicación: Mondariz, Cangas, Silleda, Vilaboa, Bueu, Rianxo, Outeiro de Rei e Vigo. Este último lidera a clasificación tanto en achegas públicas, con 5.224 topónimos incluídos nestes últimos tres anos, como no número total de topónimos na aplicación, con 10.570.
En cifras porcentuais, o uso de Galicia Nomeada fíxose esencial para a recuperación da toponimia de moitos concellos: por exemplo, en decembro de 2019, un municipio como Soutomarior só tiña 16 topónimos, correspondentes ás súas entidades de poboación; ou mesmo A Rúa con 9; hoxe, en cambio, suman 794 e 627 respectivamente, o que supón que o 98% dos topónimos rexistrados nestes concellos en Galicia Nomeada se deben ás achegas públicas de persoas colaboradoras. Outros municipios como Mondariz Balneario, Petín, Vilaboa, Rianxo, Beade, Marín, Outeiro de Rei e Mondariz rexistran unhas porcentaxes por riba do 90%.
Malia estes casos de éxito e a boa marcha do proxecto, queda moito traballo por facer. En 16 concellos de Galicia aínda non se recolleu ningún topónimo novo. Nalgún caso, como en Sarria, na Pontenova ou Monfero isto pode deberse a que no seu momento foron destino de traballo dos técnicos do desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-11), que rexistrou grande parte dos seus nomes menores. Porén, noutros concellos estes traballos non se realizaron e aínda non existen novos topónimos achegados polas persoas usuarias. Trátase de Negueira de Muñiz, Esgos, Taboadela, Xunqueira de Ambía, Paderne de Allariz, Maceda, Neda ou Becerreá.
Por tanto, desde Galicia Nomeada faise un chamamento para que as persoas interesadas en colaboraren e en recuperaren a súa toponimia local contacten coa plataforma ou coa Real Academia Galega para iniciaren o seu traballo no correo toponimia@academia.gal. Tamén queremos agradecer e felicitar ás 3.000 persoas rexistradas na plataforma durante estes 3 anos polo seu interese, polo seu tempo e polas súas achegas a este proxecto cultural de salvagarda na nosa toponimia tradicional.