Galicia Nomeada en cifras
Dende a súa posta en marcha a finais de 2019, a plataforma Galicia Nomeada suma máis de 3.500 contas de usuarios e usuarias, particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino de todo o país que achegaron de forma desinteresada máis de 76.000 nomes de leiras, montes, penedos ou cortiñas, moitos deles, acompañados de audios coa súa pronuncia, vídeos, fotos e outra información adicional. Toda esta documentación é revisada polo equipo de técnicos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, que corrixen e contrastan, oral e documentalmente, cada topónimo antes de validalo.
Galicia Nomeada recibiu dende finais de 2019 máis de 76.000 achegas públicas dende 306 concellos do país. Só sete municipios, A Capela, Bande, Portomarín, Taboadela, A Teixeira, Toques e Xunqueira de Ambía, seguen pendentes de contar con algún colaborador, aínda que A Capela, Bande e A Teixeira xa foran obxecto de recollidas en parte do seu territorio no marco do PTG.
Os concellos nos que máis achegas públicas se fixeron foron Vigo (6206), Outeiro de Rei (3959), Navia de Suarna (2971), Bueu (2462), Redondela (2350), Rianxo (2259), Cangas (2246), Mondariz (1959), Vilaboa (1901) e Silleda (1803); e noutros 118 recuperáronse máis dun cento de topónimos en cada caso. As contribucións resultaron de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizara o traballo de campo do PTG, como Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda. Cómpre tamén referirse a aqueloutros concellos que comezaron a recoller a súa toponimia tras o paso da campaña Toponimízate. É o caso de Allariz, onde dende outubro de 2022 se recuperaron máis de 1.500 topónimos.