Galicia Nomeada participa na Nerd Nite da USC

A nosa toponimia tradicional e o proxecto colaborativo Galicia Nomeada foron un dos protagonistas do último dos encontros Nerd Nite que tivo lugar o pasado 22 de febreiro en Santiago de Compostela. Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, aceptou o convite de Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da USC e organizador das Nerd Nite Compostela, para dar a coñecer os obxectivos e os resultados do proxecto de salvagarda e difusión da microtoponimia galega a través das novas tecnoloxías.

As Nerd Nites son unhas charlas científicas moi singulares que naceron nos Estados Unidos e chegaron á nosa terra hai once anos grazas á Universidade de Santiago de Compostela e ao catedrático Jorge Mira cunha proposta orixinal: falar nun ton próximo e distendido da ciencia que se fai aquí, que é moita e moi boa.  

Como proba, as charlas de que gozou o público asistente na Nave de Vidán este 22 de febreiro: ‘Stat Wars: a rebelión dos datos’, impartida por Vicente Lustres Pérez, doutor en Bioloxía, mestrado en Estatística Aplicada e cofundador de Biostatech, empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde; e Daniel Seijas, doutor en Historia Contemporánea, quen presentou a figura dos irmáns Portela, pioneiros da electrónica en Galicia e creadores do primeiro magnetófono galego.

Tras eles, Vicente Feijoo falou da importancia que está tendo desde a súa creación hai tres anos a plataforma Galicia Nomeada na recuperación, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Ademais de achegar os datos de usuarios e de topónimos recuperados e as principais funcionalidades da plataforma, Vicente Feijoo tamén convidou o público asistente, na súa maior parte profesorado e persoal investigador da USC, a participar nesta tarefa colectiva. Na rolda de preguntas, os asistentes mostraron o seu interese pola plataforma Galicia Nomeada, que tamén se percibiu a través da multitude de solicitudes de colaboración que recibimos nos días posteriores á charla. 

Desde aquí, queremos agradecerlle a Jorge Mira o seu convite para mostrar o noso proxecto neste grande escaparate que son as charlas Nerd Nite e felicitalo por esta interesante e didáctica iniciativa.

Galería de imaxes
Tipos