Galicia Nomeada, protagonista da RadioClic! do IES Arcebispo Xelmirez I

Durante este curso escolar 2024/2025, RadioClic!, a Radio na Biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I, está a realizar un interesante proxecto interdisciplinar sobre o noso patrimonio inmaterial. Coordinado pola profesora María José Nieto, na iniciativa traballa gran parte da comunidade educativa do IES Arcebispo Xelmirez I: están integrados 14 dos 25 departamentos que conforman o instituto, ademais dos grupos de Convivencia, Igualdade e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e participan todos os cursos de secundaria, o alumnado de primeiro de Bacharelato e o de primeiro e segundo do ciclo medio de FP de Vídeo DJ. 

Os seus micrófonos deron voz ás cantareiras Rebeca Tallón e Leticia López, que dirixiron tamén no centro un obradoiro sobre o baile, a pandeireta e o canto tradicional; falaron con Manuel Otero sobre os cantos de taberna; tratáronse temas tan diversos como o noso traxe tradicional galego, a literatura de transmisión oral, as lendas e mitos das nacións celtas, os prexuízos... E tamén, a nosa toponimia tradicional: o alumnado da materia de TIC de 1º de Bacharelato entrevistou a Vicente Feijoo Ares, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega e do proxecto colaborativo Galicia Nomeada. As alumnas Adriana Paderne e Carla Canosa actuaron como voceiras de todo o curso e conduciron unha entrevista moi amena que estivo dirixida polas profesoras Eva Conde-Corval e María José Nieto.

Deixámosvos baixo estas liñas a entrevista realizada e queremos agradecerlles tanto á coordinadora da RadioClic!, María José Nieto, ás profesoras do centro Eva Conde-Corval e Sara Calvete, e a todo o alumnado da materia de TIC de 1º de Bacharelato, especialmente a Adriana Paderne e Carla Canosa, o seu interese no noso proxecto, a amabilidade coa que nos trataron e a profesionalidade da entrevista.
 

Galería de imaxes
Tipos