Galicia Nomeada, protagonista do programa Luar da CRTVG

No programa Luar emitido o venres, 2 de outubro, a plataforma colaborativa Galicia Nomeada foi unha das protagonistas da noite neste espazo televisivo, líder de audiencia na súa franxa horaria e cunha especial relevancia entre os galegos emigrados polo mundo adiante.

Este espectáculo, con sona no panorama da televisión estatal por emitir durante 4 horas en directo e por levar 28 anos consecutivos en antena, fíxose eco durante toda a noite do proxecto Galicia Nomeada posto en marcha pola Xunta de Galicia mais a Real Academia Galega hai menos de un ano.

Este programa, conducido por Xosé Ramón Gayoso, representa unha plataforma de promoción e proxección dunha parte do patrimonio inmaterial cultural de Galicia, principalmente aquel relacionado coa música e o baile tradicional galegos. Nesta ocasión, fixo de altofalante dunha das riquezas culturais máis importantes que ten o noso país, a súa toponimia.

Gayoso e as súas copresentadoras, Patricia Fernández e Rocío Rodríguez, fixeron unha demostración de como funciona o buscador de topónimos xa rexistrados na plataforma cunha escolla un tanto escatolóxica, pois comezaron falando de topónimos tan curiosos como O Penedo Onde Cagan os Homes (Prado de Limia, Muíños); Cagou Fóra (Tal, Muros) ou O Penedo dos Peidos (Pinzás, Tomiño).

A continuación, fixeron un chamamento aos luareiros e luareiras para que chamasen por teléfono ao programa co obxectivo de informar en directo de topónimos curiosos que coñecesen e, ao mesmo tempo, animándoos a darse de alta na plataforma para introducir aqueles que aínda non figuran na base de datos coa toponimia de toda Galicia. As reaccións da xente non se fixeron esperar e durante toda a noite foron chamando persoas de distintos lugares do territorio galego para informar de nomes como estes: Cariño, Penabicos, Os Praceres, Coitos, Cabrois, A Cona Estreita, O Cu Cagado...

O fantástico resultado deste publicidade que nos fixo o programa Luar foi que nesa fin de semana entraron na plataforma colaborativa máis de 200 solicitudes de colaboración no proxecto. Así que, queremos darvos as grazas a todo o equipo que formades o Luar por botarnos esta man, por colaborar na salvagarda e difusión deste tesouro cutural, e desexarvos moitos anos máis de éxitos batendo récords de audiencia na Televisión de Galicia.

 

 

Tipos