Castelo "conta" coa súa toponimia
Castelo Conta, o festival organizado polo produtor, actor e monologuista Xosé A. Touriñán xunto á veciñanza da súa parroquia natal, cumpre neste 2025 o seu décimo aniversario. Para celebrar as “dez voltas á festa” -lema desta edición-, preparouse unha edición especial cunha axenda ben completa e diversa que inclúe máis de cincuenta propostas e actividades nas distintas aldeas de Castelo. Ademais de concertos, gastronomía, comedia ou actividades infantís, a organización incluíu como gran novidade unhas xornadas de recuperación da súa toponimia denominadas “Nomes de Castelo”.
As xornadas estiveron compostas dunhas andainas que se realizaron en cada un dos lugares que compoñen a parroquia cullerdense de Castelo: o punto de partida foi o 11 de agosto nun percorrido entre as aldeas de Vilaverde e Xián; o martes 12 recorréronse as paraxes próximas a Xalo; o día 13 partiuse da aldea de Folgueira para acabar en Donepedre; e, por último, o xoves 14 fíxose o camiño que une Castelo de Arriba co lugar das Cruces, próximo ao linde coa parroquia de Celas.
A finalidade dos percorridos foi recuperar os topónimos tradicionais dos lugares que forman parte da súa paisaxe vital, nun exercicio de memoria compartida e coidado do territorio. Á chamada da organización acudiron ducias de veciños e veciñas da parroquia que durante os catro días foron elaborando un mapa vivo da súa freguesía.
Para recoller toda esta sabedoría colectiva de persoas como Carmen Lousa, Santiago Touriñán, Ángel Manteiga, Julia de Voga, Pepe de Reboredo e un longo etcétera, as camiñadas foron conducidas por Ricardo Rodríguez, quen se encargou de contactar coa poboación de cada unha das aldeas para procurar a súa implicación. Ademais, a organización do festival Castelo Conta convidou o técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Iván Méndez, que os acompañou durante os catro días para incluír cada un dos topónimos que se mencionaban na aplicación Galicia Nomeada.
O resultado destas andainas toponímicas xa está dispoñible na plataforma Galicia Nomeada e está formado por máis de 350 topónimos recollidos, entre os que se atopan topónimos únicos como Maspete, As Zarravellas ou Galgás. A actividade completarase ademais o vindeiro martes 26 de agosto no marco do festival Castelo Conta en que se presentarán os resultados da recolla e algunha que outra sorpresa que preparan os organizadores.
Desde Galicia Nomeada queremos agradecer o interese amosado polos organizadores do de Castelo Conta en programar esta actividade dentro seu festival e a implicación da cidadanía de Vilaverde, Folgueira, Xalo, Xián, Castelo de Abaixo e Donepedre, sen a cal non sería posible un traballo tan exhaustivo de recuperación da súa toponimia tradicional.