O Cárcere Vello de Corcubión énchese de persoas interesadas no valor cultural da toponimia deste concello
O Mercado Medieval de Corcubión é unha das citas máis importantes do verán na Costa da Morte. A nova Asociación Cantigas de Dona Xoana, que organiza o mercado desde o ano 2023, quere aproveitar o impulso que ten para a vila este evento para prolongar as actividades fóra da propia fin de semana festiva, co obxectivo de divulgar a rica historia e cultura de Corcubión.
Dentro da ampla e atractiva programación de actividades socioculturais que organizaron co gallo da edición deste ano do Mercado Medieval, o presidente da Asociación Cantigas de Dona Xoana, Alejandro Lamas, quixo que o proxecto colaborativo Galicia Nomeada tivese un espazo relevante entre elas co fin de que a xente coñeza e participe na preservación do legado lingüístico, histórico e cultural que reside na toponimia de Corcubión.
E para falar de topónimos convidaron a Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. O relatorio foi impartido o pasado 13 de xullo no edificio do Cárcere Vello de Corcubión. A sala quedou pequena para acoller a todas as persoas que acudiron interesadas polos contidos desta palestra, en boa parte grazas á expectación creada e á boa publicidade feita polo comité organizador.
Alejandro Lamas actuou como presentador da charla e manifestou o firme propósito dos membros da asociación en colaborar no marabilloso labor de salvagarda da microtoponimia que está realizando o proxecto Galicia Nomeada. Entre o público tamén estivo o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez, e varios concelleiros e concelleiras, todos eles moi interesados en coñecer a historia do seu municipio a través da información que achegan os nomes do seu territorio.
Vicente Feijoo agradeceu o convite e parabenizou a asociación por este tipo de iniciativas que dan o coñecer o valor patrimonial e cultural da nosa toponimia e a necesidade de que todos loitemos para que non se perda. No relatorio, fixo un repaso pola orixe e significado da toponimia maior (nomes de aldeas e parroquias) de Corcubión como mostra da importancia da información lingüística, histórica e cultural que nos achegan estes topónimos. Aproveitou tamén para presentar a aplicación Galicia Nomeada entre as persoas asistentes e convidalas a se sumaren aos milleiros de persoas que en todo o país están introducindo na plataforma os nomes das leiras, fontes, penedos, cons, praias...
Desde Galicia Nomeada agradecemos máis unha vez o convite da Asociación Cantigas de Dona Xoana, en especial a Alejandro Lamas, e felicitámolos polo seu bo facer con estas iniciativas dinamizadoras da historia e cultura locais.