O CPI Aurelio Marcelino García Rey de Cuntis, un novo centro de ensino que se suma ao proxecto Galicia Nomeada

Un novo centro de ensino ponse mans á obra na tarefa de recuperación da nosa toponimia tradicional. O pasado 14 de outubro, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudiu ao CPI Aurelio Marcelino García Rey de Cuntis para formar a rapazada e a comunidade educativa na recolla dos nomes menores deste concello pontevedrés. 

A iniciativa partiu das persoas responsables da Biblioteca Escolar, que contactaron coa Real Academia Galega para xuntar esforzos e achegas co proxecto Galicia Nomeada. O proxecto que pretenden implantar no centro procura a implicación de rapaces de primaria e de ESO para que rexistren, xunto cos seus pais e avós, a microtoponimia das súas aldeas de orixe a través da aplicación colaborativa.  

Vicente Feijoo ofreceulles unha charla sobre o valor da toponimia como patrimonio cultural, sobre o perigo que corren de desaparecer os nosos nomes tradicionais e a responsabilidade que temos como pobo de salvagardalos. Para isto último, explicoulles como funciona a aplicación Galicia Nomeada aos rapaces de 6º de primaria e aos de 4º da ESO. Despois, estes rapaces ensinaranlle ao resto de alumnos dos cursos inferiores o funcionamento da aplicación para utilizárena logo nas tarefas de recolla.

CPI Aurelio Marecelino García Rey únese pois á relación de centros que contan con proxectos de recuperación da microtoponimia do territorio no que asentan, da que xa forman parte por exemplo o IES Marqués de Sargadelos, CPI O Mosteiro de Meis, o IES Terra de Soneira, o IES de Meaño, do CEIP Coirón-Dena ou CEIP As Covas e, así, ata máis dunha trintena.
 

Galería de imaxes
Tipos