O IES Terra de Soneira, novo colaborador en Galicia Nomeada
Galicia Nomeada suma novos e novas recuperadores da nosa toponimia tradicional: o alumnado do IES Terra de Soneira de Vimianzo. Uns setenta e cinco rapaces e rapazas de terceiro e cuarto da ESO, mais de primeiro de Bacharelato pasaron este luns 27 de marzo pola Casa da Cultura de Vimianzo para coñeceren como salvagardar a nosa toponimia tradicional.
A iniciativa partiu dos profesores do centro, Manuel Bóveda López e Lorena Suárez Pazos, que se dirixiron á Real Academia Galega interesados no proxecto Galicia Nomeada para aplicalo nas súas aulas. O coordinador técnico de toponimia do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, desprazouse ao concello de Vimianzo para lles dar unha charla sobre o valor da toponimia como patrimonio cultural; sobre o perigo que corren de desaparecer os nomes das terras e dos montes; sobre a necesidade urxente de salvagardalos e como poden facelo a través a aplicación colaborativa Galicia Nomeada; e, finalmente, do significado que se agocha detras dos nomes das parroquias e das aldeas deste concello.
Vicente estivo acompañado por un grande coñecedor da Terra de Soneira, Xosé María Lema, membro do Seminario de Onomástica da RAG, historiador, etnógrafo, escritor... Xosé María, nativo da parroquia de Bamiro, é autor de moitos traballos de investigación sobre a historia, a onomástica, a toponimia e os restos arqueolóxicos de toda a comarca.
O alumnado tomou boa nota de toda a información que lles transmitiu Vicente, pois os profesores pedíronlles un resumo e un traballo posterior dos principais contidos da charla. Como acontece noutros centros de ensino, as partes relacionadas co uso das novas tecnoloxías e coa orixe e significado dos nomes das parroquias nas que viven son as que suscitaron maior interese a atención.
Nas seguintes semanas iremos dando boa conta dos novos pasos da iniciativa do centro sobre a recuperación da súa toponimia tradicional a través de Galicia Nomeada.