O Seminario de Onomástica da RAG seguiu traballando intensamente durante o estado de alarma sanitaria

O Seminario de Onomástica é a sección da Real Academia Galega encargada da revisión lingüística da toponimia que achegan os colaboradores e colaboradoras ao proxecto Galicia Nomeada. Durante os últimos meses de confinamento e desescalada, este seminario mantivo unha intensa actividade de revisión e estudo dos topónimos do Nomenclátor de Galicia que foron obxecto de reclamación por parte de varios concellos galegos, así como das persoas usuarias que achegaron as súas suxestións a través da plataforma.

Nas súas reunións periódicas, que se realizaron por videoconferencia, trataron tamén aqueles topónimos máis escuros ou problemáticos canto á súa forma que se foron incluíndo en Galicia Nomeada. En cifras, os especialistas da Unidade Técnica de Toponimia deste seminario validaron un total duns 4.000 microtopónimos neste período, dos cales un 15% tivo que ser supervisado e analizado polos académicos do seminario. De igual forma, tamén se redactaron moitos informes onomásticos solicitados polos cidadáns sobre a escolla da forma oficial dun topónimo ou sobre as formas galegas de nomes propios e apelidos.

Desde este mes de xullo, a súa actividade científica desenvólvese combinando as reunións presenciais na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela coas virtuais.

Tipos