Os maiores de Sada, protagonistas dunha nova charla Toponimízate

A Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra viaxará o vindeiro luns 4 de xullo ás Mariñas coruñesas para recalar no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada. A finalidade será tirar o máximo proveito do saber e do coñecemento do territorio que teñen as persoas usuarias do centro . A charla será impartida polo especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, que adaptará os contidos xerais da campaña ao público asistente. Este será presentado pola directora do centro, Minerva Naya, e pola concelleira de medio Ambiente e Normalización Lingüística, Marisa Rúa.

O obxectivo da charla é incluír o traballo de recuperación da nosa toponimia tradicional dentro das actividades e talleres de memoria que fan os maiores deste centro, ao mesmo tempo que os facemos partícipes na importante recuperación do noso patrimonio inmaterial. Este patrimonio corre moito risco de desaparecer en Sada polas súas peculiaridades: o concello sadense experimentou un amplo desenvolvemento urbano nas últimas décadas, o que provocou a modificación do territorio, coa desaparición dos seus topónimos. Ademais, cómpre ter en conta que tampouco se levaron a cabo neste municipio das Mariñas os traballos de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia cando este estivo activo, o que incide nesta urxencia pola recolla toponímica. 

Como xa aconteceu na edición da campaña de 2021, en que se visitou o centro de Ortigueira, as charlas Toponimízate en centros para maiores responden á demanda que se escoitou en diferentes partes do país na procura de relacionar o envellecemento activo, a utilidade e a calidade de vida dos nosos maiores coa recuperación da nosa toponimia tradicional. Non en van son estas, as persoas maiores, os que atesouran, manteñen e gardan a nosa riqueza toponímica. Son a memoria viva dos microtopónimos de cada recuncho da nosa terra e do noso mar, por iso, eles e elas son un dos activos máis importantes da nosa cultura.

Laza, seguinte parada de Toponimízate 2022

Esta mesma semana, Vicente Feijoo e a Campaña Toponimízate 2022 trasladaranse ao concello ourensán de Laza: a cita coa nosa toponimia será o venres 8 na Casa do Concello de Laza a partir das 20:00 h.
 

Tipos