A veciñanza betanceira súmase con entusiasmo ao proxecto Galicia Nomeada
Ducias de persoas acudiron á charla sobre a recuperación da microtoponimia betanceira. O pasado venres 5 de xuño, o salón azul do Edificio do Arquivo en Betanzos acolleu unha nova xeira da campaña coa que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua percorren o país para falar do valor cultural da toponimia galega e para explicar como se pode colaborar na súa salvagarda a través a plataforma Galicia Nomeada.
O acto contou cunha ampla representación municipal: a propia alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, actuou como presentadora do evento e do relator, Vicente Feijoo Ares, técnico coordinador do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Xunto a ela, as concelleiras Ana Veiga Pita, responsable de Cultura e Normalización Lingüística; e Ángeles Veiga López, concelleira de Comercio, Hostalaría e Industria, tamén participaron no acto de presentación. Ademais, entre o público tamén estivo a actual normalizadora lingüística, Natalia Sánchez, quen desde o comezo da organización desta actividade demostrou un grande interese e entusiasmo; e Silvia Muíño Naveira, anterior normalizadora deste municipio e actual xefa de servizo na Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Segundo expresaron os membros da corporación e as técnicas presentes, son conscientes das eivas que presenta a recolla toponímica neste concello das Mariñas, malia que hai anos o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) percorrera estas terras e recollera case 1.000 nomes de leiras, penedos, camiños, regos... Aínda así, a falta de informantes, especialmente nalgunhas freguesías como Requián ou Piadela, provocou que este traballo quedase incompleto naquel momento. Por tanto, desde o Servizo de Normalización Lingüística de Betanzos, o Concello ten a intención de involucrar a partir de setembro a todos os centros de ensino públicos de Betanzos para que a rapazada recolla toda a microtoponimia xunto cos seus pais e avós.
Este encontro tamén serviu para sumar un novo colaborador: Antón Méndez Fernández. Graduado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Inglesa na Universidade da Coruña, é tamén autor dun artigo publicado no número 47 da revista Anuario Brigantino en que fai unha “Aproximación á microtoponimia da parroquia de San Pedro das Viñas”. No final da charla, Antón manifestou o seu compromiso de introducir no visor de Galicia Nomeada todos os nomes rexistrados para facer o seu traballo de fin de grao.
Como ben sendo habitual nas charlas Toponimízate, Vicente Feijoo centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, a ferramenta dixital para a recolla dos microtopónimos galegos e de toda a tradición oral vencellada a eles co fin de que as persoas asistentes saísen da charla preparadas para colaboraren canto antes coa plataforma. Así, aprenderon a darse de alta, engadir un novo topónimo, incluír arquivos de son ou de imaxes, ou a enviar suxestións sobre a toponimia xa recollida na plataforma: sobre un nome incorrecto, mal situado...
A parte final do evento, reservada a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Betanzos, espertou moito interese entre os asistentes e tamén serviu, aproveitando o coñecemento do territorio das persoas asistentes, para deitar luz sobre a motivación dalgúns nomes como A Xerpe: un veciño informou de que neste lugar existía un camiño para subir por unha pendente moi pronunciada que facía moitas voltas e revoltas, en semellanza a unha serpe. Á xente sorprendeulle que tivesen topónimos de orixe celta moi antigos como como Barallobre, Tiobre, Illobre... que conteñen a partícula celta -obre co significado de ‘altura fortificada, castro’. Tamén outros que son únicos en toda Galicia como Viúxe, Xanrozo, Gas...Agora ben, a algúns aínda lles sorprendeu máis saber que a actual vila de Betanzos tiña un nome máis antigo, Untia. Destes dous topónimos e de como foi a substitución dun nome polo outro, falamos neste artigo.