A recuperación da toponimia entra no Centro de Maiores de Sada

As persoas usuarias do centro de maiores de Mondego, en Sada, foron as protagonistas este luns da que acabará por ser, sen dúbida, unha das charlas máis emotivas do programa Toponimízate 2022. O especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, puxo en valor a sabedoría dos nosos maiores como peza imprescindible para recuperar a nosa toponimia tradicional e procurou a implicación do centro para exercitar a memoria das súas persoas usuarias.

Minerva Naya, directora do centro, foi a encargada de presentar o acto, acompañada pola anterior directora, Encarna Tojo, e nela tamén estiveron presentes as e os profesionais que desenvolven o seu día e día na atención das persoas maiores de Sada, destacando o papel activo na organización desta actividade de Flor e Emilio. Eles serán as encargados de poren en práctica as indicacións dadas para empregar a aplicación Galicia Nomeada nas actividades e obradoiros de memoria que forman parte da programación habitual.

No acto tamén estiveron presentes a concelleira de Medio Ambiente e Normalización Lingüística do Concello de Sada, Marisa Rúa, e a concelleira de Cultura, Paola Mondaca, que mostraron o seu interese en  trasladar o programa Toponimízate á programación cultural do Concello e amplialo, por tanto, á veciñanza de Sada.

Vicente Feijoo adaptou os contidos xerais ao público asistente. Como adoita ser costume neste tipo de charlas, as e os maiores de Sada foron os verdadeiros protagonistas porque son eles os que atesouran como ninguén o noso patrimonio inmaterial que é a toponimia. No seu transcurso, amosaron unha grande participación pois falaron de topónimos dos seus lugares de orixe, lembraron algún “conto” ou “lenda” relacionados con eles e, sobre todo, gustaron de saber o nome dos significados das súas aldeas e parroquias. 

Laza, seguinte parada de Toponimízate 2022

Esta mesma semana, Vicente Feijoo e a Campaña Toponimízate 2022 trasladaranse ao concello ourensán de Laza: a cita coa nosa toponimia será o venres 8 na Casa do Concello de Laza a partir das 20:00 h
 

Galería de imaxes
Tipos