Redogal: unha app para o medio mariño galego inspirada en Galicia Nomeada

A Consellería do Mar puxo en marcha o proxecto Redogal, isto é, a creación dunha Rede de observadores do medio mariño galego. Para iso, creou unha web mais unha aplicación para dispositivos móbiles inspirada noutras iniciativas vangardistas de ciencia cidadá como é Galicia Nomeada.

Esta ferramenta naceu co obxectivo de que pescadores, buzos e bañistas acheguen fotos de especies exóticas das costas galegas. Isto axudaralles aos biólogos no seguimento e vixilancia da vida mariña de Galicia, xa que a presenza destas especies pode ser un indicador dos cambios ou alteracións que sofre o noso ecosistema mariño por motivos naturais ou inducidos polo home. Do mesmo xeito, estas achegas contribúen a crear unha base de datos pública sobre biodiversidade mariña, coa incorporación de novos rexistros á listaxe de especies mariñas de Galicia (LEMGAL), que poderán ser estudadas nas universidades e organismos científicos.

O funcionamento da app é moi sinxelo. Abonda con achegar a foto do peixe e indicar a hora, e data e o lugar da costa onde se viu o exemplar. Neste último aspecto, esta aplicación pode ser un complemento perfecto do proxecto Galicia Nomeada, pois, se o usuario sabe o nome da zona de mar na que se atopa, pode engadilo no visor de topónimos; ou pola contra, se non o sabe, pode consultar este visor para comprabar se xa está rexistrado o nome por outro colaborador.

Animamos aos galegos e galegas que traballan no mar ou que son afeccionados/as ao mundo mariño que descarguen as dúas aplicacións para acrecentar entre todos e todas o coñecemento do noso mar, tanto a nivel biolóxico como toponímico. Pensemos que moitos talasónimos fan referencia á abundancia de peixes (A Sargueira, A Robaliceira...), mariscos (A Centoleira, A Mexilloeira...), algas (A Cholfeira, O Golfeiro...) ou aves mariñas (O Corveiro, Os Cons dos Araus...), por iso tamén son unha importante fonte de coñecemento para a historia e evolución do ecosistema mariño de Galicia.

Tipos