A toponimia local de Fisterra protagonizou o evento Toponimízate 

[Dereitos da imaxe de cabeceira: Ana García para La Voz de Galicia]

Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra desprazouse o pasado luns 10 de outubro a un dos concellos que máis precisaban a presenza da campaña da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia. O alcalde fisterrán, José Marcote Suárez, actuou de mestre de cerimonias dun evento que contou coa presenza dun público moi participativo e colaborativo que amosou o seu interese pola súa toponimia.  

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, procurou desde o comezo da charla tres obxectivos principais: pór en valor a importancia dos nosos nomes de lugar, dar a coñecer a plataforma Galicia Nomeada e descubrir as curiosidades da toponimia fisterrá. No seu relatorio fixo especial fincapé no primeiro deles: a necesidade de recuperarmos a nosa toponimia non só como patrimonio inmaterial de todo o país, senón tamén polo seu valor na nosa vida cotiá. Neste concello da Costa da Morte e nos lindeiros, como Corcubión, esta tarefa resulta aínda máis urxente ao só contarmos no día de hoxe con 54 nomes de lugar rexistrados.

A partir de aquí, Vicente Feijoo deu a coñecer a plataforma Galicia Nomeada. O público asistente tomou boa nota das principais peculiaridades da aplicación colaborativa e os diferentes pasos necesarios para converterse nunha persoa colaboradora: como solicitar unha conta, como introducir un topónimo, como enviar suxestións...

Por último, todas as charlas Toponimízate gardan un espazo importante para que as persoas asistentes poidan coñecer a orixe dos nomes de lugar que forman parte da súa xeografía cotiá. Mais desta vez, foron eles os que nos axudaron neste labor contando moitas das historias que circulan sobre os seus nomes de lugar: entre elas, deron as chaves para coñecermos a orixe do lugar da Anchoa, que podes ver neste post

Comentaron, tamén, que o nome da praia da Langosteira é relativamente recente, pois cada parte deste areal ten un nome distinto, nomes que agora introducirán no visor de Galicia Nomeada. Tamén comentaron o nome do illote situado fronte ao faro de Fisterra, coñecido como O Sintolo polos mariñeiros, malia que nas cartas náuticas apareza como O Centolo. Este espazo dedicado aos seus nomes provocou que se realizasen debates interesantes entre as persoas asistentes e fixo que o evento se prolongase máis alá do tempo que estaba programado.

A vindeira semana, Ortigueira e Allariz recibirán a campaña Toponimízate

 Toponimízate continúa a vindeira semana con dúas citas: a primeira será o vindeiro xoves 20 de outubro no Teatro da Beneficencia de Ortigueira ás 11:00 h e a segunda o venres 21 na Casa da Cultura de Allariz a partir das 20:00 h.  
 

 
Galería de imaxes
Tipos