Toponimízate arriba á costa do concello de Poio
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra recala este fin de semana no concello pontevedrés de Poio. Malia que nun principio, estaba previsto que a charla se fixese na Escola do Campo de Combarro, aproveitando que o día 9 de maio se celebraba en Combarro a festa do XII Día de Colón, esta celebración foi suspendida nesta semana por mor da choiva prevista para ese día. Por tanto, a charla Toponimízate terá lugar este mesmo día 9 de maio, ás 11:00 h, pero farase no salón de Plenos do Concello (Praza do Mosteiro, 1).
A sesión contará coa presenza do alcalde, Ángel Moldes Martínez, que xunto coa concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, serán os encargados de presentar a actividade e mais ao relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Segundo nos informan desde o propio Concello, tamén asistirán á charla outros concelleiros como Natividad Torres, encargada da área de Servizos Sociais, Francisco Javier Dasilva, encargado de área de Festexos, ou Rocío Cochón, responsable da área de Urbanismo.
Un dos grandes temas que abordará Vicente Feijoo Ares o sábado en Poio será o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada: como darse de alta, como engadir un topónimo, como gravar un son, como subir imaxes ou como enviar suxestións sobre a toponimia xa engadida no visor. O forte desenvolvemento urbano que está a vivir este concello próximo a Pontevedra fai necesaria a tarefa de recolla da súa microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, penedos...). Esta urxencia é compartida por Claudio Quintillán Vallejo, secretario da Organización Galega de Comunidades de Montes e da Asociación Irmandade Illa de Tambo, quen lle mostrou á RAG o seu interese en levar adiante un proxecto de recolla toponímica en Poio.
Tras este bloque máis práctico, virá a parte máis científica e máis agardada nas charlas Toponimízate: aquela en que as persoas asistentes coñeceran a orixe e mais o significado dos nomes de parroquias e aldeas do seu concello, un apartado que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Un dos moitos topónimos dos que falará Vicente Feijoo será Combarro, un topónimo que comparte o concello de Poio con outros sete municipios galegos. Este nome provén dunha raíz prerromana moi antiga *CAMB- / COMB- co significado de 'curvo' e que podería facer referencia á enseada ou curva mariña sobre a que se atopa esta localidade. Ademais, Vicente Feijoo fará alusión nesta parte da charla aos lugares deste municipio pontevedrés que foron obxecto dun novo ditame no novo Nomenclátor de Galicia 2026 recentemente aprobado pola Xunta de Galicia.
Xunqueira de Ambía, nova parada da campaña Toponimízate
Toponimízate múdase á provincia de Ourense na vindeira semana: tras Poio a campaña visitará o Concello de Xunqueira de Ambía o vindeiro 15 de maio a partir das 19:00. A cita será nas Escolas Vellas do concello.