Toponimízate chegou a Beariz

A neve non quixo perder a charla Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra que tivo lugar o pasado venres 15 de novembro no salón de plenos do Concello de Beariz, en Ourense. Nela, Vicente Feijóo remarcou a importancia da recuperarmos a nosa toponimia tradicional e a divulgarmos como patrimonio de todas e todos os galegos.

A charla foi presentada polo alcalde do Concello de Beariz, Manuel Prado, bo coñecedor do tema xa que se dedicou á docencia da lingua.

Ordes, seguinte charla Toponimízate

A Casa da Cultura de Ordes acollerá o luns 18 a charla toponimízate a partir das 16:30 horas. A campaña Toponimizate. Coñece os nomes da túa terra ten por obxectivo divulgar o valor da toponimia tradicional galega e dar a coñecer a nova aplicación colaborativa que lles permitirá proximamente participar na preservación e difusión da microtoponimia a través da súa xeolocalización. Ademais, explicaranse con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, Catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.

Galería de imaxes
Tipos